Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Deputación Coruña

O Plan Único acumula 150,6 M€ e 764 obras na Costa da Morte

Valentín González di que o investimento anual «supera o que a Xunta dedica a todos os concellos galegos»

O alcalde e o presidente da Deputación, no centro, no parque infantil de Artes.

O alcalde e o presidente da Deputación, no centro, no parque infantil de Artes. / D. C.

Carballo

A Deputación da Coruña iniciou o exercicio 2026 cun investimento de 15.250.837,43 euros nos 16 municipios da Costa da Morte a través do Plan Único (POS+2026), segundo informou o presidente, Valentín González, na visita a Carballo, onde estivo acompañado do alcalde, Daniel Pérez; a deputada de Plans, Cristina García; e o vicepresidente provincial e concelleiro na localidade, Xosé Regueira.

«Falamos de investimentos en abastecemento e saneamento, mellora de estradas e espazos públicos, iluminación, equipamentos ou servizos básicos, pero tamén de garantir o funcionamento diario dos servizos municipais e atender as persoas que máis o precisan», afirmou González Formoso.

Daniel Pérez, esquerda, Valentín González e Cristina García en Carballo.

Daniel Pérez, esquerda, Valentín González e Cristina García en Carballo. / D. C.

Subliñou tamén o impacto económico e laboral. O Plan Único, engadiu, «actúa como un motor de actividade económica no territorio, xerando emprego nas empresas locais de construción, servizos e subministracións, fixando poboación e contribuíndo á dinamización da economía das vilas e concellos», dixo. Lembrou tamén que cada millón de euros investido en obras «apoia o mantemento ou creación de 17 empregos».

Formoso lembrou que o investimento do Plan Único só nos concellos da provincia «chegou á cantidade récord de 138 millóns o ano pasado, superando en 20 millóns ao que a Xunta destina a todos os municipios galegos».

Desde a súa creación en 2017, o Plan Único leva mobilizados 150.617.016,01 euros nos concellos de Bergantiños e Costa da Morte, cos que se financiaron 764 obras e numerosos servizos municipais e programas sociais.

Distribución por concellos

Carballo é o concello que maior financiamento recibe en toda a provincia: 2,4 millóns de euros iniciais este ano e preto de 25 millóns acumulados. Pola súa banda, Cabana de Bergantiños recibe este ano 838.427 € (total 2017-2026: 8.503.112 €); Camariñas 623.379 € (6.437.529 €); Cee 782.490 € (7.177.957 €); Cerceda 895.559 € (9.366.165 €); Corcubión 256.737 € (2.411.277€); Coristanco 1.136.650 € (11.312.555 €); Dumbría 861.376 € (8.808.809 €); Fisterra 496.556 € (4.967.103 €); A Laracha 1.301.895 € (13.243.727 €); Laxe 494.240 € (4.786.152 €); Malpica de Bergantiños 709.891 € (6.890.981 €); Muxía 999.530,35 € (9.458.798,80 €); Ponteceso 925.351 € (8.964.008 €); Vimianzo 1.398.842 € (13.798.835 €); e Zas 1.063.645 € (9.751.244 €).

Autonomía aos concellos

A deputada de Plans, Cristina García, subliñou que o POS+ “da total autonomía aos concellos”, un feito diferencial respecto dos “plans finalistas, eses que chegaban desde arriba con proxectos xá decididos. Nós apostamos por unha autonomía municipal real”.

A cada un o que lle corresponde

Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, incidiu tamén en como o actual sistema de financiamento limita a capacidade inversora dos municipios. "Asumimos moitas competencias impropias, como o servizo de axuda no fogar", afirmou o rexedor, que apuntou que fronte á discrecionalidade no reparto de fondos doutros sistemas, “o Plan Único dalle a cada concello o que lle corresponde”.

Pérez destacou que Carballo destinará este ano boa parte do POS+ a gasto corrente e que os investimentos céntranse sobre todo en mellorar servizos básicos no rural.

Neste sentido, repasou algunhas das obras de mellora de redes de saneamento, abastecemento ou camiños municipais levadas a cabo en lugares e parroquias do municipio como Goiáns, Artes, Ardende ou Rus financiadas co Plan Único da Deputación.

Tracking Pixel Contents