Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O BNG amesán pide facilitarlle o aparcamento a traballadoras a domicilio

O grupo asegura que as empregadas "requiren desprazamentos frecuentes a distintos puntos do núcleo urbano", xa que adoitan facer intervencións con duración limitada

Os nacionalistas afirman que esta situación "derivou xa en sancións de tráfico"

Grupo do BNG no pleno ordinario de febreiro.

Grupo do BNG no pleno ordinario de febreiro. / Cedida

Ames

O BNG de Ames demanda ao Concello medidas que faciliten que as traballoras que prestan servizos a domicilio poidan estacionar os seus vehículos. Respalda esta solicitude indicando que moitas destas empregadas teñen un horario itinerante, o que implica que adoitan facer intervencións cunha duración limitada e «requiren desprazamentos frecuentes a distintos puntos do núcleo urbano».

O Bloque explica que existe unha falta de prazas de estacionamento nesas áreas, e que isto motiva en numerosas ocasións «que estas profesionais deixen os seus vehículos en zonas de carga e descarga ou en espazos con restrición horaria, coa única finalidade de poder cumprir cos horarios e coas necesidades das persoas usuarias».

A agrupación asegura que a situación «derivou xa en sancións de tráfico, malia tratarse de servizos esenciais que deben desenvolverse con puntualidade e nos que non sempre é posible destinar tempo adicional á procura de estacionamento».

Como solución, propón «que a autorización sexa válida para estacionar, de forma excepcional e limitada no tempo, en zonas de carga e descarga ou, de existir nun futuro, con restrición horaria, sempre que non se interfira no seu uso principal e se use exclusivamente durante o período en que se estea a realizar o servizo». Os nacionalistas critican que no último pleno PP e PSOE se uniran para impedir que se votase a moción.

Tracking Pixel Contents