Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Estes son os primeiros grupos confirmados para a Festa dos Botes de Arzúa

9Louro, Familias Caamagno, Bratzantifa e Latexo Percusión formarán parte do cartel da 43ªedición

Asistentes á pasada edición da Festa dos Botes.

Asistentes á pasada edición da Festa dos Botes. / Cedida

Redacción

Arzúa

A organización da Festa dos Botes de Arzúa vén de anunciar os primeiros artistas que formarán parte da súa 43ª edición, que se levará a cabo o 7, 8 e 9 de agosto.  

Unha data que foi anunciada a comezos de febreiro cun vídeo que poñía o foco nos mozos que en 1982 recuperaron a festa, despois de que esta fose censurada desde 1936 polo Franquismo.

“Nesta edición queremos botar a vista atrás e pór en valor o traballo feito pola mocidade arzuá nestes 44 anos para que a festa siga adiante”, sinala Joaquín Saavedra, presidente da Asociación Xuventude Arzuá. 

Esta edición da festa abrirá a porta a artistas estatais, mais sendo as cabezas do cartel grupos galegos, apostando así pola presenza do galego nos escenarios.  

A Festa dos Botes pretende ser un punto de encontro da mocidade no rural galego, creando un espazo cultural accesible -ao ser todos os concertos de balde- no interior do país. Unha aposta pola mocidade, pois “a nosa finalidade sempre foi reivindicar o XA (Xuventude Arzuá), posto que a mocidade somos os encargados de preservar a festa”, sinala Saavedra.

Artistas confirmados 

Os grupos confirmados até o momento amosan a esencia do festival, apostando por grupos galegos emerxentes e xa consolidados no panorama musical, así como garantir un cartel en igualdade de condicións entre as mulleres e os homes.  

Trátase de 9Louro, unha das irrupcións máis potentes no panorama musical galego, sendo quen de encher a Sala Capitol de Compostela en apenas unha hora cos seus ritmos urbanos que representan unha nova corrente musical na nosa lingua; Familia Caamagno, de Sigüeiro, que presentará o seu último traballo, Disco Comarcal; Bratzantifa, que naceu no confinamento nunha cociña dun pequeno piso de Compostela, facendo música cun móbil (un feito que non lles impediu romper barreiras, chegando a gañar o concurso Novos Valores do Festigal en 2022); e Latexo Percusión Escola, que traerá a Arzúa os ritmos do mundo (máis de 30 persoas encheran as rúas da vila con música e festa ao son dos seus tambores).

Tracking Pixel Contents