Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

DINAMIZACIÓN

A Feira das Oportunidades de Carballo cumpre 18 anos: un escaparate con prezos competitivos

Ofrecerá talleres infantís, unha Pequefeira e vehículos de ocasión

Presentación da dezaoito edición da Feira de Oportunidades de Carballo.

Presentación da dezaoito edición da Feira de Oportunidades de Carballo. / CCA

Carballo

Carballo acollerá do 6 ao 8 de marzo unha nova edición da Feira das Oportunidades na zona de Rego da Balsa coincidindo coa primeira fin de semana de feira do mes.

O evento, organizado polo Centro Comercial Aberto (CCA), que este ano alcanza a súa maioría de idade, consolídase así como un dos grandes escaparates do comercio local, ofrecendo produtos de calidade a prezos moi competitivos.

Cartel promocional da feira.

Cartel promocional da feira. / Cedida

A feira contará cun total de 30 stands distribuídos entre o espazo interior da carpa e a zona exterior. No interior habilitaranse 27 expositores, incluída unha ampla zona infantil e un posto de información do CCA Carballo. No exterior, estarán presentes tres concesionarios locais, que exhibirán 41 vehículos de ocasión e quilómetro cero.

Un espazo para toda a familia

A programación incluirá actividades específicas para o público infantil. O sábado 7 desenvolveranse, en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, talleres gratuítos de globoflexia, pintacaras e animación, e o domingo 8 será a quenda da IV Pequefeira, unha iniciativa que permite aos máis pequenos e pequenas converterse en comerciantes por unhas horas, poñendo á venda produtos artesanais elaborados por eles mesmos ou artigos de segunda man da súa propiedade.

A actividade terá lugar de 12.00 a 14.00 horas e requirirá inscrición previa a través do correo electrónico info@ccacarballo.com, estando condicionada á participación dun número mínimo de inscricións. O prazo para anotarse rematará o venres 6.

Comercios participantes

No interior da carpa ubicaranse os postos de Akira, Anxaima Tempo para Quererte, Atelier, Atmósfera Sport, Benetton, Buy&Sell, Calzados Susa, DV Carballo, Federópticos Nicolás, La Casita de Lu, Madeixalazos, Maker Store by AllKNOW, Moda Suárez, Necos, O Barco dos Soños, Refugallo Zero, Son Artesana, Studio M. Muiño, Sweet Spirit, Upa! Espazo Barefoot, www.regalosypersonalizados.com, Xoguetería Merliño, Zocas e Zuccaro.

E no exterior exporán Grupo Dimolk (Peugeot-Nissan), Hyupersa Motor (Hyundai) e Corgal Automóviles-Centauto (Kia-SWM).

Ademais, sumaranse á campaña arredor dunha decena de establecementos que participarán desde os seus propios locais: A Saia da Carolina, Comercial Queijo, Confecciones San Juan, D&A Complementos, Doces Soños, Ekaté, Emiliano Moda, Teirón e Zapatillería Isabel.

Desde o CCA Carballo agradecen expresamente a colaboración da Brigada Municipal de Obras, a Policía Local e a Agrupación de Protección Civil "polo seu apoio na coordinación e posta en marcha do evento". A Feira das Oportunidades conta tamén co financiamento da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo.

Referente na comarca

O secretario do CCA Sergio Soneira subliñou que "a feira suma, edición tras edición, novos expositores, máis metros de superficie e máis vehículos en exposición, o que converte a este evento nun referente en toda a comarca e nunha ferramenta clave para reforzar a conexión entre o comercio de proximidade e a cidadanía, dinamizando así a actividade económica local".

O feito de que a Feira das Oportunidades alcance este ano a súa maioría de idade "demostra que estamos ante unha cita plenamente consolidada e apoiada pola veciñanza. Son dezaoito anos impulsando o comercio local, xerando actividade económica e convertendo Carballo nun referente comercial na comarca. Desde o Concello imos seguir colaborando co CCA para fortalecer o noso tecido empresarial e dinamizar a vila con iniciativas que teñen un impacto directo na economía local e na vida social", destacou o alcalde, Daniel Pérez.

Pola súa parte, o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, fixo fincapé en que “a Feira das Oportunidades é moito máis ca un evento puntual de venda. É un gran escaparate do potencial do comercio de Carballo, unha oportunidade para que a clientela descubra establecementos, marcas e profesionais que logo van acompañala ao longo de todo o ano. Esta feira serve para atraer público, fidelizar consumidores e proxectar a imaxe dun comercio moderno, competitivo e de proximidade que está vivo os doce meses.”

Tracking Pixel Contents