Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cen produtores e vendedores enxalzan os queixos de Arzúa

A cita comezou cunha homenaxe ás mulleres e homes da emigración

A D.O.P. Arzúa-Ulloa produce 5 millóns de Kg e factura 39 M€

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, esq., e o subdelegado do Goberno, Julio Abalde, na Festa do Queixo.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, esq., e o subdelegado do Goberno, Julio Abalde, na Festa do Queixo. / Cedida

Arzúa

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, participou este sábado na inauguración da 51ª Festa do Queixo de Arzúa, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Preto de cen postos de queixerías e produtores danse cita no recinto feiral, con presenza da D.O.P. Arzúa-Ulloa, así como doutras denominacións galegas e queixos nacionais e internacionais.

O acto inaugural incluíu a entrega do premio do concurso de tapas e petiscos ao bar Os Amigos e unha homenaxe ás mulleres e homes da emigración, temática central desta edición, coa proxección dun vídeo conmemorativo e a entrega de recoñecementos.

A concelleira de Turismo e Promoción Económica, Begoña Balado, entregou o Premio Petiscos ao bar Os Amigos.

A concelleira de Turismo e Promoción Económica, Begoña Balado, entregou o Premio Petiscos ao bar Os Amigos. / Cedida

Na súa intervención, Abalde destacou a importancia do sector primario e da industria agroalimentaria na comarca, subliñando o valor engadido que achegan as denominacións de orixe e a profesionalización das queixerías. A continuación, celebrouse o pregón a cargo do actor Federico Pérez.

A Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa representa na actualidade un dos principais selos de calidade do sector agroalimentario galego, cunha produción anual próxima aos cinco millóns de quilos e un volume de negocio que rolda os 39 millóns de euros.

A Festa do Queixo segue este domingo, convertendo Arzúa nun espazo de encontro arredor da gastronomía, a música, a tradición e a innovación.

Autoridades e homenaxeados na inauguración da Festa do Queixo.

Autoridades e homenaxeados na inauguración da Festa do Queixo. / Cedida

Tamén participou na inauguración o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen destacou que a Festa do Queixo «representa moitísimas máis cousas ca unha simple festa», situándoa no corazón produtivo do país.

Regueira defendeu que Galicia ten na produción alimentaria de alta calidade unha das súas grandes fortalezas e apelou á responsabilidade das administracións públicas na súa protección.

O tamén deputado de Turismo e Promoción Económica subliñou que «o noso verdadeiro Silicon Valley é toda a xente que ao longo e ao largo do noso país é capaz, con moitos esforzos, de producir alimentos de altísima calidade».

Ademais, reivindicou o papel das explotacións gandeiras e das queixarías como referencia internacional. Regueira expresou o desexo de que esta edición sexa unha oportunidade de negocio para o sector e unha celebración dunha comarca viva, convidando tamén a visitar o Mercado da Deputación no recinto feiral.

A deputada de Plans, Cristina García Rey, puxo o acento na traxectoria da celebración, asegurando que «cincuenta e un non é un número calquera», senón a constatación de que cando existe un produto auténtico e unha comunidade que cre no que fai «non fan falta modas nin artificios».

Asistentes á inauguración da Festa do Queixo de Arzúa.

Asistentes á inauguración da Festa do Queixo de Arzúa. / Cedida

García Rey destacou especialmente o papel das queixeiras e queixeiros, convertendo o coñecemento herdado en excelencia, e subliñou que o produto de proximidade constitúe unha garantía fronte ás importacións. Neste sentido, trasladou o compromiso da Deputación co sector, asegurando que o seu traballo «é visible, é valioso e conta co noso apoio».

Pola súa parte, o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, reivindicou a constancia colectiva como clave no máis de medio cento de edicións da festa.

O rexedor afirmou que esta celebración se explica "pola constancia dun pobo que soubo converter o seu traballo diario nun símbolo colectivo, defendendo que o queixo Arzúa-Ulloa representa un modelo de desenvolvemento ligado á calidade, á proximidade e ao respecto pola contorna".

"A Festa do Queixo é proba de que cando un pobo cre en si mesmo é imparable", engadiu.

‘A paisaxe que sabe’

A Deputación da Coruña colabora un ano máis coa Festa do Queixo a través da marca gastronómica provincial A paisaxe que sabe, cun espazo propio no Mercado da Deputación e coa organización de demostracións culinarias ao longo da fin de semana, reforzando a conexión entre gastronomía, territorio e promoción económica.

A institución provincial subliña o papel da Festa do Queixo "como escaparate da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e como motor de dinamización social, cultural e económica da comarca e do conxunto da provincia".

Tracking Pixel Contents