Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

A Xunta destina 10 millóns para modernizar portos e mellorar a trazabilidade pesqueira

Mar investiu 120.000 € na mellora da fábrica de xeo e accesos á lonxa de Laxe

O alcalde e a conselleira do Mar na poxa de peixe na lonxa de Laxe.

O alcalde e a conselleira do Mar na poxa de peixe na lonxa de Laxe. / X. G.

Laxe

A Consellería do Mar investiu máis de 120.000 euros na mellora dos equipamentos da fábrica de xeo e na substitución dos accesos ás instalacións no porto pesqueiro de Laxe. Unhas accións que, segundo a conselleira, Marta Villaverde, «contribúen a incrementar o valor engadido do produto pesqueiro e a garantir un funcionamento máis moderno e sostible das infraestruturas portuarias, especialmente relevantes para a pesca artesanal da Costa da Morte».

Así o manifestou na súa visita á lonxa laxense, acompañada polo alcalde, Francisco Charlín, para coñecer de primeira man os proxectos de mellora e modernización executados neste porto ao abeiro das axudas autonómicas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.

A conselleira seguindo a poxa na lonxa de Laxe.

A conselleira seguindo a poxa na lonxa de Laxe. / Xunta de Galicia

Asistiu tamén á poxa na lonxa e subliñou que os traballos realizados buscan «reforzar a eficiencia, a seguridade e a calidade dos procesos vinculados á primeira venda do peixe, así como mellorar as condicións de traballo das persoas profesionais do sector do mar».

Villaverde dixo que estas actuacións se enmarcan na estratexia da Xunta para fortalecer o sistema portuario pesqueiro, a través dunha liña específica de axudas destinada a mellorar equipamentos colectivos en portos e lonxas.

Catrocentas actuacións

Neste sentido, a conselleira indicou que o Goberno galego executou entre 2018 e 2025 preto de 400 actuacións por un importe de 26 M€, no marco do Plan de Equipamentos Portuarios de Galicia 2030.

Así mesmo, destacou que a convocatoria correspondente a 2026 conta cun orzamento de 10 millóns de euros, destinados a apoiar proxectos promovidos por confrarías, organizacións de produtores e outras entidades, co obxectivo de modernizar infraestruturas, mellorar a trazabilidade e a calidade do produto e reforzar a sustentabilidade e a adaptación ao cambio climático dos portos.

A titular de Mar tamén mantivo un encontro con representantes da confraría para analizar a situación actual da pesca artesanal.

Tracking Pixel Contents