Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EDUCACIÓN

O IES Maximino Romero de Baio, un referente educativo para profesores da Bretaña

Visitaron o centro para compartir experiencias e fortalecer a cooperación internacional

Profesores da Bretaña francesa e do IES Maximino Romero en Baio.

Profesores da Bretaña francesa e do IES Maximino Romero en Baio. / Cedida

Zas

O IES Maximino Romero, de Baio (Zas) recibiu a visita dun grupo de inspectores e profesores de Matemáticas da Bretaña francesa, nunha xornada de intercambio e colaboración educativa.

No encontro participaron tamén o inspector do centro, Juan Antonio Granados Loureda; a xefa de departamento de Matemáticas, Luchy Mouzo; e a asesora de Idiomas da Consellería de Educación, Berta Gómez López.

Boas prácticas educativas

"Esta visita realizouse con motivo dos bos resultados acadados polo noso alumnado nas probas de avaliación de diagnóstico, que sitúan o centro como un referente en boas prácticas educativas", subliñan dende a dirección do IES zaense.

A xornada comezou cunha presentación institucional a cargo da directora, Ana Facal, quen deu a coñecer as principais liñas de actuación, os proxectos educativos e as señas de identidade do noso instituto.

Ensino inclusivo

Posteriormente, a profesora de Matemáticas, Raquel Bouza, e a de Pedagoxía Terapéutica, Marta Nantón, explicaron o funcionamento da aula de Matemáticas en 2º da ESO, detallando a organización do grupo, a metodoloxía empregada e as medidas de atención á diversidade que se desenvolven para garantir un ensino inclusivo e de calidade.

"A visita constituíu unha excelente oportunidade para compartir experiencias e fortalecer a cooperación internacional; e deste xeito, confírmase a calidade educativa do noso instituto e o compromiso de toda a comunidade escolar cun ensino rigoroso, inclusivo e orientado á mellora continua", conclúen dende a dirección do IES Maximino Romero.

Tracking Pixel Contents