Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Requinta da Laxeira fai un alto no camiño: “Non é un adeus definitivo, volveremos”

A agrupación musical de Vedra anuncia un parón no 2026 para reformularse tras os cambios na formación, pero deixa claro que non é unha despedida definitiva

A Requinta da Laxeira, na súa última actuación, no Entroido de Xinzo de Limia

A Requinta da Laxeira, na súa última actuación, no Entroido de Xinzo de Limia / CEDIDA

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Vedra

A Requinta da Laxeira, un dos grupos musicais máis recoñecidos na comarca da Ulla, fai un alto no camiño. No 2026 non haberá actuacións nin escenarios para a banda, que naceu co propósito de recuperar a requinta, un instrumento característico da zona.

Non é un adeus definitivo, non é que a nosa andaina vaia rematar aquí. Pero si imos facer unha pausa", sinala Pablo Chenlo, un dos membros fundadores da agrupación. A intención dos once músicos que nestes momentos compoñen o grupo é reformular o proxecto. "Queremos volver, pero queremos dar o nivel que estabamos dando”, afirma Chenlo.

Imaxe do concerto que A Requinta da Laxeira ofreceu no Auditorio Abanca de Santiago xunto coa Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla, en decembro do 2024

Imaxe do concerto que A Requinta da Laxeira ofreceu no Auditorio Abanca de Santiago xunto coa Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla, en decembro do 2024 / CEDIDA

E é que o grupo xurdido en Vedra no 2002 atravesa un momento de transición. “Entraron tres persoas novas e marcharon outras tres. A vida é así”, resume Chenlo. A Requinta non é unha formación profesional no sentido estrito: os seus membros teñen traballos e vidas propias, e a música é unha paixón que compatibilizan co día a día.

A prioridade, conta, é manter a esencia e a calidade que os caracterizou desde o inicio.

E unha vez que decidiron parar, quixeron comunicalo por unha cuestión práctica: xa tiñan numerosas actuacións pechadas para este ano e preferiron anuncialo con tempo para evitar novas contratacións. Os concertos previstos foron cancelados ou derivados a outras formacións, “sen ningún problema; todo o mundo o entendeu”.

A Requinta da Laxeira naceu con oito membros. No seu momento álxido chegaron a sumar 13. Hoxe son 11: Martina Mella, Quique Arneros, Óscar López, Álvaro Figueiras, Teo Fernández, Sergio López, Asier Cabo, Nuria González, Carlos Lobato, Pablo Chenlo e Ángel Chenlo. Os dous últimos, irmáns, son os dous únicos integrantes que permanecen na agrupaciónde dende o comezo.

A renovación xeracional é unha realidade, pero tamén un reto. O parón servirá precisamente para integrar as novas incorporacións e redefinir o proxecto común.

“Un grupo que onde vai fai festa”

En Vedra e na contorna, A Requinta da Laxeira é algo máis ca un grupo musical. É unha referencia festiva e cultural. “A Requinta é un grupo que onde vai fai festa. Era o noso lema”, lembra Chenlo.

Desde os seus inicios, a formación apostou por un estilo propio: música tradicional galega, especialmente da zona da Ulla e dos vales requinteiros, adaptada aos seus ritmos e á súa maneira de entender a festa.

A identidade territorial é unha das súas marcas máis fortes. A Requinta está vinculada á Asociación Cultural San Campio, de San Miguel de Sarandón: “Queríamos que a requinta, a frauta traveseira tradicional propia da Ulla, seguira adiante, que a herdanza dos nosos veciños non se perdera”, explica.

Un patrimonio que, lembra, defenden aínda hoxe os mestres requinteiros Marcelino Brey (Marcelino de Muiñeiro) e José Alvela (Pepe de Nande), auténticos referentes para os músicos da Ulla.

Tracking Pixel Contents