Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PATRIMONIO

O Parque do Megalitismo da Costa da Morte avanza: nova sinalización e roteiros

O Centro Arqueolóxico de Dombate, en Cabana, será o epicentro do proxecto

Representantes da Deputación, concellos e técnicos no dolmen de Dombate.

Representantes da Deputación, concellos e técnicos no dolmen de Dombate. / D. C.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cabana

A Deputación da Coruña e os concellos participantes no Parque do Megalitismo da Costa da Morte dan un novo impulso ao proxecto. O deputado, Xosé Penas, e os xefes de Arquitectura e de Patrimonio, reuníronse cos responsábeis políticos e técnicos municipais no Centro Arqueolóxico de Dombate (Cabana de Bergantiños), que será o epicentro dos roteiros e do parque.

O deputado Xosé Penas, á dereita, na xuntanza celebrada en Dombate.

O deputado Xosé Penas, á dereita, na xuntanza celebrada en Dombate. / D. C.

Na xuntanza aprobouse a proposta da Deputación para levar a cabo unha sinalización «unitaria, o máis sinxela posíbel, que identifique as rutas e os emprazamentos concretos dos bens patrimoniais para dar unha información patrimonial complementaria, sen competir coa sinalización turística que xa está nas estradas», aclarou Penas. Seguirá o modelo dos demais parques que xestiona o ente provincial: Compostela Rupestre e o Parque da Idade de Ferro.

Expropiacións dos terreos

Sobre o estado das expropiacións e a titularidade dos terreos do parque, Penas informou de que está en proceso de tramitación un contrato na Deputación, «que abranguerá todo o traballo que hai que facer na primeira fase. Está xa nun estado moi adiantado; só falta a aprobación de fiscalización, pero contamos con tela nun par de semanas», engadiu.

Na xuntanza tamén avaliaron como será a comunicación en prensa e redes sociais de todo o labor e actividades do parque. Penas sinalou que «xa o empezamos a traballar no departamento de Patrimonio e, entre outras propostas, queremos crear unha páxina web onde todos os concellos e a Deputación poidamos actuar e interactuar xunto cos outros parques».

Proceso lento

O deputado de Patrimonio recoñeceu que «o proceso vai demasiado lento, pero hai moitos temas administrativos que non dependen exclusivamente de decisións políticas, así que debemos procurar axilizar os trámites».

Anunciou que haberá unha nova xuntanza en agosto ou setembro para «darlle prioridade e solución aos temas da expropiación e da sinalización, que sairán a licitación nos próximos días».

Tracking Pixel Contents