Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

A Xunta inicia o proceso de expropiación de terreos para ampliar o polígono de Carballo

Afecta a 134 predios valorados en case 2 millóns de euros

O polígono carballés sumará 629.587 metros cadrados máis.

O polígono carballés sumará 629.587 metros cadrados máis. / Cedida

Carballo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba inicialmente e se somete a información pública o proxecto de expropiación forzosa dos terreos que se precisan ocupar para a ampliación do Parque Empresarial de Bértoa Fase II, no municipio de Carballo, e que incrementará a superficie total en 629.587 metros cadrados, un 51% mais da capacidade actual.

En conxunto, o proxecto de expropiación afecta a 134 predios que suman unha superficie de 473.478 m2, da que o 99,3% corresponden a terreos rurais e o 0,7% restante é solo urbanizado. O valor total estimado da adquisición do terreos ascende a 1.966.555 euros.

Un mes en exposición pública

Coa publicación no DOG, o proxecto de expropiación forzosa permanecerá en exposición pública durante o prazo dun mes para que aquelas persoas que poidan resultar interesadas formulen as observacións e reclamacións que estimen pertinentes, sobre todo, no que atinxe á titularidade dos predios, bens ou valoración dos seus respectivos dereitos.

O expediente poderá consultarse no Concello de Carballo, nas oficinas da Consellería de Economía e Industria e na súa páxina web (https://economia.xunta.gal) e, de xeito complementario, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial notificará individualmente a cada afectado as valoracións realizadas.

A ampliación deste polígono industrial enmárcase na estratexia do Executivo autonómico de crear un tecido empresarial forte e competitivo, dotándoo de máis solo empresarial e coa base nun modelo de desenvolvemento industrial ordenado, eficiente e respectuoso co medio ambiente, que atraia investimentos, favoreza a creación de emprego e garanta o equilibrio territorial.

Outros proxectos

Na comarca de Bergantiños, a Xunta está a tramitar a creación de máis dun millón de metros cadrados. Ademais dos 629.587 m2 da ampliación de Bértoa, hai que sumar a creación do parque empresarial de Coristanco con 173.153 m2, que na primeira fase afectará a máis de 60.000 metros cadrados -proxecto xa en tramitación-, e o parque empresarial de Cabana de Bergantiños, que se atopa en fase de tramitación ambiental e que conta cunha superficie de 267.216 m2.

No conxunto da provincia da Coruña, a Xunta está a tramitar tamén outras actuacións relevantes en materia de solo empresarial, como son a ampliación do Parque Empresarial da Sionlla (Santiago de Compostela) e a Fase C do Parque Empresarial de Morás (Arteixo).

Tracking Pixel Contents