Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

8M

Mulleres de Carballo descargan estrés nunha sesión de destructoterapia

A psicóloga Claudia Pradas ensinoulles a xestionar as emocións

Carballesas descargando tensións cun coche no polígono de Bértoa.

Carballesas descargando tensións cun coche no polígono de Bértoa. / Alberte Sánchez

Carballo

Un grupo de mulleres, entre elas as concelleiras Maica Ures e Maruxa Suárez, participaron esta mañá no parque empresarial de Bértoa, en Carballo nunha sesión de destructoterapia, unha actividade incluída na programación municipal arredor do 8 de marzo e centrada na saúde mental e na xestión das emocións.

Participantes na sesión de destructorepaia en Carballo

Participantes na sesión de destructoterapia en Carballo / Alberte Sánchez

A actividade estivo guiada pola psicóloga Claudia Pradas, que comezou a sesión cunha parte teórica na que explicou que é o estrés, como afecta ás persoas e, especialmente, ás mulleres.

Durante esta primeira parte, moi participativa por parte das asistentes, abordáronse tamén cuestións relacionadas coa saúde mental e co impacto que factores como os roles de xénero, a presión social ou a sobrecarga de responsabilidades poden ter no benestar emocional.

A sesión permitiu ás participantes identificar como se manifesta o estrés no corpo e nas emocións, así como coñecer ferramentas para mellorar a súa regulación emocional. Entre as consecuencias máis habituais do estrés, sinaláronse dificultades para xestionar as emocións, problemas nas relacións persoais ou a baixa autoestima e a autoesixencia excesiva.

Actividade práctica

Tras esta primeira parte, o grupo trasladouse ao exterior para realizar a actividade práctica de destructoterapia, unha dinámica de descarga emocional que consiste en liberar tensión mediante o esforzo físico.

Tal e como explicou a psicóloga, este tipo de exercicios favorecen a liberación de endorfinas e contribúen a canalizar emocións como a rabia ou a frustración dun xeito seguro e controlado.

Equipadas con traxes de protección, luvas, martelos e pantallas faciais, as participantes tiveron a oportunidade de descargar tensión golpeando distintos elementos, empezando por algúns pequenos como pratos ou vasos e rematando cun coche destinado ao despezamento. A experiencia combinou actividade física, diversión e traballo emocional.

Descargando tensión cun coche destinado ao despezamento.

Descargando tensión cun coche destinado ao despezamento. / Alberte Sánchez

A destructoterapia desenvolveuse seguindo varias fases —introdución, quecemento, destrución e relaxación—, co obxectivo de transformar a descarga de tensión nun exercicio de autocoñecemento e regulación emocional.

A actividade forma parte do programa da Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade arredor do 8M, que inclúe diferentes propostas culturais, educativas e de sensibilización destinadas a promover a igualdade e reflexionar sobre os retos que seguen afrontando as mulleres na sociedade actual.

No mercado municipal

Carballo celebrará mañá o acto central da programación do Día Internacional da Muller cunha xornada aberta á participación da veciñanza no mercado municipal, na que haberá actividades para todos os públicos, lectura da declaración institucional e unha sesión vermú musical.

A xornada comezará ás 12.00 horas coa presentación e benvida a cargo de Lupe Blanco, seguida da lectura da declaración institucional do 8M, un texto consensuado por toda a corporación municipal. Na lectura participarán Maica Ures, do BNG; Sheila Cotelo, do PP, e M.ª Carmen Vila, do PSOE.

Mensaxes en follas de Carballo

Durante toda a mañá desenvolveranse tamén distintas actividades participativas, entre elas o obradoiro Carballo da igualdade, no que nenas, nenos e persoas adultas poderán escribir mensaxes en follas de carballo que posteriormente se colocarán nunha árbore simbólica. Ademais, haberá xogos para a rapazada dinamizados por monitoras.

A programación continuará ás 12.50 horas coa entrega de agasallos ás nenas e nenos participantes nas actividades, antes de dar paso ao peche festivo da xornada.

A partir das 13.00 horas, o mercado acollerá unha sesión vermú musical a cargo de Sara Pose, que incluirá unha degustación de vermú grazas á colaboración de Bodegas Carballo, e que servirá para poñer o broche final a unha mañá de convivencia, participación e reivindicación arredor da igualdade.

Tracking Pixel Contents