Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PATRIMONIO

As Torres do Allo, un motor cultural e turístico, impulsado pola Deputación da Coruña e o Concello de Zas

Acollerán obradoiros educativos, exposicións e visitas teatralizadas

Valentín González, esquerda, e Manuel Muíño asinando o convenio de colaboración.

Valentín González, esquerda, e Manuel Muíño asinando o convenio de colaboración. / D. C.

Zas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e o alcalde de Zas, Manuel Muíño, asinaron o convenio de colaboración para a xestión integral do servizo de atención a visitantes e a programación de actividades nas Torres do Allo.

A Deputación financiará ata un máximo de 50.000 euros para sufragar parte dos gastos de funcionamento e das actividades, mentres que o Concello de Zas asumirá a organización do servizo de atención ao público, as visitas guiadas e a programación cultural e didáctica vinculada ao pazo.

Posta en valor

O presidente provincial destacou que este convenio permite seguir avanzando na posta en valor dun dos elementos patrimoniais máis relevantes da provincia coruñesa.

«As Torres do Allo son un exemplo de como o patrimonio histórico pode converterse nun motor cultural e turístico do territorio», afirmou González Formoso.

Pola súa banda, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, agradeceu o apoio da Deputación e destacou que este acordo permitirá consolidar as Torres do Allo como un dos principais recursos culturais e turísticos do municipio.

Programación para 2026

O programa de actividades para 2026 inclúe a atención aos visitantes, a organización de visitas guiadas e o desenvolvemento de numerosas iniciativas culturais e didácticas dirixidas a públicos diversos, con especial atención á comunidade escolar e ás familias.

Entre as propostas previstas figuran obradoiros educativos, exposicións temporais, visitas teatralizadas, concertos dentro do ciclo Música nas Torres ou actividades participativas vinculadas ao calendario festivo galego. Tamén se desenvolverán iniciativas xa consolidadas como o Escape room do Allo ou o mercado artesanal de San Ramón, ademais de diferentes eventos culturais e actividades de animación que buscan achegar o patrimonio á cidadanía.

As Torres do Allo permanecerán abertas ao público durante boa parte do ano, con horarios adaptados ás diferentes tempadas e cunha programación reforzada durante a Semana Santa e os meses de verán, coincidindo co incremento da afluencia de visitantes á Costa da Morte.

Conservación e musealización

A Deputación da Coruña realizou nas últimas décadas importantes actuacións de protección, conservación, rehabilitación e musealización deste histórico pazo, converténdoo nun espazo de referencia para a divulgación do patrimonio histórico e cultural da provincia.

Tracking Pixel Contents