Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CONFERENCIA

José Luis Rabuñal, un sabio da ornitoloxía, compartirá coñecementos no Casino de Carballo

Descubriu as primeiras aves americanas que chegaron ao esteiro do Anllóns e Traba de Laxe

José Luis Rabuñal, ornitólogo.

José Luis Rabuñal, ornitólogo. / Fina Riveira

Carballo

O ornitólogo José Luis Rabuñal Patiño impartirá o venres, día 13 ás 20.00 horas, no Casino de Carballo unha conferencia promovida polo Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB).

Presidente de honra do grupo naturalista Hábitat, socio da Sociedade Galega de Ornitoloxía e un gran experto na identificación de aves, Rabuñal formou parte do Comité Ibérico de Rarezas e do Comité de Rarezas da Sociedade Europea de Ornitoloxía.

Presentará ao conferenciante o historiador Luis Giadás Álvarez, membro do IEB, e participará tamén o ornitólogo carballés Xabi Varela, quen falará da súa relación con Rabuñal.

Cartel promocional da conferencia de José Luis Rabuñal en Carballo.

Cartel promocional da conferencia de José Luis Rabuñal en Carballo. / Cedida

Autor de máis de 240 descricións de rarezas, Rabuñal encargouse durante moitos anos de realizar o censo invernal de aves acuáticas e mariñas da zona 4 de Galicia (Malpica-Cabo Touriñán). As súas investigacións neste eido comezaron no ano 1979, centradas sobre todo no esteiro do río Anllóns, espazo ao que leva feito máis de 5.000 visitas, e a lagoa e praia de Traba de Laxe, que visitou en máis de 3.000 ocasións.

Aves americanas

Rabuñal foi quen descubriu as primeiras aves americanas que chegaron a estes dous lugares arrastradas polas borrascas procedentes do océano Atlántico. Chegou a identificar e documentar máis de 230 especies destas aves.

Mais os seus coñecementos no eido das ciencias naturais no se limitan só á ornitoloxía, pois coñece con detalle outros tipo de animais da zona: mamíferos, réptiles, anfibios ou insectos, así como as especies da flora.

Coñecemento integral

"José Luis é desas persoas sabias que ten un coñecemento integral do territorio que leva visitado durante case cincuenta anos e séntese unido a el de xeito emocional porque eses espazos do Esteiro do Anllóns e de Traba de Laxe pasaron a formar parte do seu mundo vital", afirma Xan Fernández Carrera, presidente do IEB.

Ademais dos seus profundos coñecementos do medio natural, engade, "reúne outras calidades que lle confiren ese atributo de sabio como son a súa humildade, a empatía, a capacidade de escoita, a curiosidade pola aprendizaxe e o interese por compartir o coñecemento, que o converten nunha persoa bondadosa e humanista".

Tracking Pixel Contents