Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Padrón homenaxea a oito mulleres referentes cos Premios Rumorosas 2026 no Día da Muller

O subdelegado do Goberno reafirmou alí o seu compromiso coa igualdade real e efectiva

A concelleira de Igualdade destacou a dedicación municipal a prol dunha contorna máis xusta

Autoridades, locais e do Estado, e persoal coas homenaxeadas en Padrón

Autoridades, locais e do Estado, e persoal coas homenaxeadas en Padrón / Concello

Padrón

Julio Abalde, subdelegado do Goberno na Coruña, asistiu este domingo ao acto institucional celebrado no Auditorio Municipal de Padrón con motivo do Día Internacional da Muller.

O evento comezou coa lectura do manifesto do 8M para, logo dun concerto musical, proceder á entrega dos Premios Rumorosas 2026 a Lola Paz, Amparo Acosta, Anabel Rivas, Carmen Osorio, Catalina Pereira, María Teresa López, Verónica Blanco e Eneida León. Estes premios recoñecen a traxectoria e o compromiso destas oito mulleres referentes en ámbitos como a educación, a industria, o comercio, a empresa, a ciencia, o deporte e o ámbito social.

Dende o Concello de Padrón reafirmouse o “compromiso firme e innegociable coa igualdade real e efectiva” durante ese acto. A concelleira de Igualdade, Mariló Saco, afirmou a disposición do goberno municipal a “redobrar esforzos para construír unha contorna máis xunta, segura e equitativa para todas” e a render homenaxe “ás mulleres do noso municipio: ás traballadoras, ás coidadoras, as mozas que soñan cun futuro sen límites, ás nosas maiores que loitaron para conseguir o que hoxe temos e, como non, ás nosas Rumorosas”.

Papel fundamental

Nun acto conducido pola artista Sheila Patricia, nesas oito mulleres o Concello quiso visibilizar e recoñecer este ano o papel fundamental de mulleres que, co seu esforzo diario e a súa excelencia profesional e humana, foron e son pezas clave no motor social e económico de Padrón.

Pola súa banda, Julio Abalde puxo en valor o exemplo das premiadas e sinalou que o 8M “é unha data para recoñecer o camiño percorrido, pero tamén para lembrar que a igualdade real require compromiso diario”. O subdelegado subliñou que é fundamental seguir defendendo os dereitos conquistados e traballar de maneira firme para amplialos, animando á cidadanía a “non dar nin un paso atrás en materia de igualdade e a manter viva a loita por unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa”.

Tracking Pixel Contents