Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Bertamiráns inaugura a súa nova área de autocaravanas cunha quedada

Está situada nas Pateiras e dispón de 15 prazas de estacionamento

A concentración será desde o próximo venres ata o domingo

Esta nova zona está situada no lugar das Pateiras.

Esta nova zona está situada no lugar das Pateiras. / Cedida

Ames

A Asociación Galega de Autocaravanas, en colaboración co Concello de Ames, organiza para os días 13, 14 e 15 de marzo unha concentración de caravanas coincidindo co acto de inauguración da nova área de Bertamiráns.

Este é un espazo dedicado ao estacionamento deste tipo de vehículos que está situado no lugar das Pateiras e dispón de espazo para 15 aparcamentos (un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida) cunhas dimensións de 7,5 por 3,5 metros e cos correspondentes servizos de recollida de augas fecais e de auga potable.

Aproveitando o acto de inauguración desta área, a Asociación Galega de Autocaravanas, en colaboración co Concello de Ames, organiza unha concentración na que participarán arredor de 150 caravanas. Dita quedada realizarase na avenida Jose Luis Azcárraga os días 13, 14 e 15 de marzo e durante estas xornadas a referida vía será de sentido único (dirección Covas-Bertamiráns), dende as 15.00 horas do venres 13 ata as 20.00 horas do domingo 15 de marzo, xa que as caravanas estacionarán en batería ao longo de dita rúa.

O alcalde e concelleiro de Turismo, Blas García, explicou que a creación desta nova zona de autocaravanas permite trasladar a que está habilitada na rúa das Pesqueiras, «que ten dificultades de acceso e un espazo moi limitado».

O rexedor tamén asegurou que, grazas á axuda da Deputación, Ames dispón de dúas áreas deste tipo, xunto coa do Milladoiro, o que permite «dar servizo ás persoas amantes de utilizar estes vehículos para viaxar e que pasan polo noso concello, nunha aposta clara pola promoción do turismo, e sobre todo do turismo de interior e comprometido co medio ambiente».

O venres 13, a partir das 17.00 horas, farase a recepción dos autocaravanistas. O sábado 14, ás 11.00 horas, terá lugar o acto inaugural da nova área de autocaravanas de Bertamiráns, e a partir das cinco da tarde tamén nesta nova zona, farase entrega da roupa encargada polos socios, e poñerase a disposición de quen o precise o mostrario de produtos a través da tenda da asociación.

O domingo, 15 de marzo, ás 10.00 horas, o colectivo celebrará a súa asemblea xeral ordinaria, e ás 13.00 horas darase por finalizada a concentración.

Tracking Pixel Contents