Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O BNG de Ames demanda un transporte público "de calidade"

Achegan que esta situación afecta sobre todo aos estudantes que escolleron asentarse no Milladoiro este curso escolar

Denuncian a falta de frecuencias horarias e atrasos continuos

Pola esquerda, a voceira do BNG en Ames, Escarlata Pampín; e a deputada do Parlamento de Galicia, Saleta Chao, en Ames acompañadas doutras integrantes do grupo nacionalista.

Pola esquerda, a voceira do BNG en Ames, Escarlata Pampín; e a deputada do Parlamento de Galicia, Saleta Chao, en Ames acompañadas doutras integrantes do grupo nacionalista. / Cedida

Ames

O BNG de Ames demanda á Xunta de Galicia que solucione "os graves problemas de transporte público que diariamente sofren as persoas usuarias", sobre todo o estudantado. O grupo vén de poñer en marcha unha campaña con entrega de información sobre esta situación e con recollida de sinaturas para frear a problemática.

A deputada do Parlamento de Galicia, Saleta Chao, achegouse á localidade para apoiar aos nacionalistas no referente ao transporte metropolitano e trasladar as protestas ao Parlamento. Chao puxo de manifesto que "non hai unha conexión adecuada entre os núcleos urbanos de Ames: Bertamiráns e O Milladoiro debido á falta de frecuencias", e engadiu que, "no caso dos autobuses interurbanos, a situación vese agravada no Milladoiro pola cantidade de estudantes que neste novo curso escolar escolleron este núcleo como residencia".

Na mesma liña, a voceira do BNG en Ames, Escarlata Pampín, cataloga a conexión entre os dous núcleos urbanos amesáns como "desastrosa", e destaca que nos buses interurbanos que conectan O Milladoiro e Bertamiráns con Santiago "numerosas persoas non poden subir aos autobuses en horas punta porque van cheos, faltan frecuencias horarias e os atrasos son continuos". Ademais, sinala que "as prazas nos mesmos son insuficientes e o estado de mantemento dalgún dos autobuses é calamitoso".

Por outra banda, Salta Chao denuncia un "incumprimento dos horarios nocturnos publicados en bus.gal que conectan o concello con Santiago, o que supón, que en moitas ocasións, a mocidade quede tirada nas paradas”.

Situación no rural amesán

O grupo municipal apunta que o deseño do transporte público provoca "unha clara discriminación por orixe", alegando que os mozos e mozas que viven no rural de Ames "non teñen as mesmas posibilidades que os que viven nas cidades ou vilas máis grandes". Segundo defenden, isto provoca complicacións para acceder á ensinanza superior ao non existir transporte escolar para esa etapa educativa.

Así as cousas os nacionalistas protestan pola "necesidade de deseñar mellor os percorridos atendendo á realidade de Ames". Para cambiar a situación, exixirán no Parlamento de Galicia "liñas suficientes e estables, horarios útiles para estudar, traballar e vivir e un transporte digno no rural” anuncia Saleta Chao.

Tracking Pixel Contents