Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Oroso habilitará un campamento inclusivo de Pascua durante a Semana Santa

A iniciativa desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 horas

Haberá un amplo programa de actividades para os cativos con obradoiros, manualidades, busca de ovos, pintacaras, música e xogos

O alcalde orosán, Álex Doval, con integrantes da asociación Afecto.

O alcalde orosán, Álex Doval, con integrantes da asociación Afecto. / Cedida

Oroso

O CEIP Plurilingüe de Sigüeiro (Oroso) acollerá durante as vacacións de Semana Santa un campamento inclusivo de Pascua, unha iniciativa promovida pola asociación Afecto, coa colaboración da ANPA A Nosa Escola e do Concello de Oroso, co obxectivo de ofrecer actividades educativas e de lecer para a infancia ao tempo que se facilita a conciliación das familias nestas datas tan sinaladas.

O campamento desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e incluirá unha variada programación de actividades pensadas para fomentar a participación, a creatividade e a convivencia entre os nenos e nenas inscritos.

Entre as propostas previstas destacan obradoiros, manualidades, busca de ovos de Pascua, pintacaras, música e xogos, nun ambiente lúdico e inclusivo pensado para que todos os participantes poidan gozar das actividades.

Ademais, ofrécense servizos complementarios para facilitar a organización familiar, como madrugadores (7:30-9:00 horas) e comedor (14:00-15:00 horas), onde cada familia encargárase de que a cativada leve a súa comida.

Prezos

As familias poderán inscribir aos menores por días soltos ou optar polo campamento completo. O prezo é de 10 euros por día ou 35 euros polo campamento completo (catro días), mentres que os servizos de madrugadores e comedor teñen un custo de 2 euros ao día cada un. As persoas socias de Afecto e da ANPA contarán cun 20% de desconto.

A inscrición realizarase en liña a través do código QR habilitado no cartel informativo. No caso de que non funcione, tamén se poderá solicitar información no teléfono 614 911 051 ou no correo electrónico uxia.asmarinhas@gmail.com.

Dende o Concello de Oroso destacan a importancia de apoiar este tipo de iniciativas que promoven a inclusión, o lecer educativo e a conciliación das familias durante os períodos non lectivos.

Tracking Pixel Contents