PLENO
A Laracha aproba un orzamento que prioriza servizos, infraestruturas e moderación fiscal
O BNG ve "falta de ambición" e un proxecto político "esgotado e sen criterio"

Un momento da sesión plenaria celebrada na Laracha. / Cedida
A Corporación da Laracha aprobou os orzamentos municipais de 2026, que alcanzan os 11.910.000 euros, converténdose nos máis altos da historia municipal.
As contas medran nun 9,47% con respecto ao ano anterior e, segundo explicou o alcalde, José Manuel López, foron elaboradas "con cautela, cunha previsión á baixa dos ingresos e cunha idea central: o rigor".
Subliñou que se trata duns presupostos elaborados con prudencia nun contexto económico complexo, apostando por unha planificación realista das contas públicas. "Somos partidarios de ir por debaixo do que probablemente sexa o orzamento final, e aínda así é o máis alto da historia do Concello", indicou.
Defendeu que son unhas contas que permiten avanzar na prestación de servizos e na execución de novas actuacións municipais. "Ano tras ano este Concello segue avanzando, creando novos servizos e facendo novas obras, e todos os indicadores económicos e sociais son positivos", afirmou.
Adaptado á situación actual
López Varela explicou tamén que a aprobación das contas se produce agora para poder incorporar datos actualizados que afectan de maneira directa ás previsións municipais. Entre eles citou, por exemplo, o novo acordo relativo ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que supón unha modificación nos custos do servizo e un aforro para o Concello de 250.000 euros, ou a necesidade de coñecer con maior precisión o financiamento de actuacións en tramitación.
O capítulo de bens correntes e servizos, que garante o funcionamento ordinario do Concello, supera os 7,2 millóns de euros, e os investimentos reais en infraestruturas municipais superarán o millón de euros (8,5 %), con actuacións destacadas como a construción do novo aparcamento do CEIP Otero Pedrayo, a humanización da Avenida López Astray do núcleo urbano da Laracha, a posta en valor das Torres de Cillobre ou a expropiación dos terreos afectados polo Plan Especial do Igrexario de Lestón e o seu proxecto de urbanización.
Tamén se reforzan as transferencias correntes destinadas ás bolsas de estudos, ás subvencións para entidades culturais, educativas e deportivas e ás comisións de festas de todas as parroquias.
Moderación fiscal
Durante o debate plenario, o rexedor incidiu en que o orzamento mantén a política de moderación fiscal do Concello. "Non subimos impostos. O único que se actualizou foi a taxa da recollida de lixo por imperativo legal, e aínda así seguimos sendo dos concellos máis económicos da contorna”, sinalou. Ademais, anunciou que o Goberno municipal prevé levar a un próximo Pleno a aprobación de bonificacións para reducir o impacto desta actualización.
"Este orzamento de case 12 millóns de euros é a proba de que o Concello está vivo e ten futuro. Imos seguir investindo en servizos sociais, mellorando infraestruturas e traballando polos nosos veciños", afirmou antes da votación, na que os grupos municipais do PSOE e do BNG se posicionaron en contra.
BNG: "É un suma e segue"
A portavoz do BNG, Carolina Castiñeiras, xustificou o voto contrario do seu grupo sinalando que o orzamento "é un suma e segue" dun proxecto político "esgotado" e "sen criterio", que non permite sacar ao municipio da "rutina" e "falta de ambición que caracteriza ao executivo dende hai anos".
Criticou que as contas non contemplen "unha planificación clara para igualar os servizos entre as parroquias nin para garantir cuestións básicas como o saneamento integral de todos os núcleos, ou a execución dun plan de mobilidade, que queda en papel mollado".
Castiñeiras sinalou ademais que "este é un presuposto que medra a conta do contribuínte; xa non lles queda nin un só imposto ou taxe por subir", e acusou ao PP de "mentir descaradamente no seu programa de goberno sobre este asunto".
Modificación de ordenanzas
Na mesma sesión aprobouse, tamén coa negativa dos dous grupos da oposición, a modificación de tres ordenanzas fiscais municipais reguladoras do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).
O cambio normativo responde á bonificación máxima das cotas para as empresas que se implanten e xeren emprego no ámbito do parque empresarial, que pasarán do 95 % actual ao 80 %, medida que pretende manter o carácter emprendedor do Concello ao tempo que se reforza a corresponsabilidade fiscal.
Selección de Policía Local
Por último, aprobouse por unanimidade solicitar a adhesión ao convenio coa Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para o ano 2026, entidade que asume a convocatoria e o desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de Policía Local e ás prazas de auxiliares.
O Concello prevé incorporar tres novos policías locais mediante mobilidade, dentro da taxa de reposición permitida, así como catro auxiliares de policía, co obxectivo de reforzar o servizo e mellorar a atención á cidadanía.
Manifesto 8M
A sesión plenaria comezou coa lectura, por parte da concelleira de Igualdade Rocío López, da declaración institucional con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, texto que fora rubricado polos tres grupos municipais.
- La previsión del ministro de Transportes sobre la apertura total de la autovía A-54 entre Santiago y Lugo: 'Próximamente
- El 'Mercado da arte' aterriza en Área Central: más de 80 artistas, música en directo y piezas únicas este fin de semana
- Adiós a Bruno Hache, el compostelano vinculado al sector del café que deja huella por su cercanía y vitalidad
- Santiago adjudica por más de 300.000 euros el mantenimiento del pavimento del casco histórico
- Las tres grandes orquestas de Galicia, juntas en un pueblo de menos de 200 vecinos cerca de Santiago
- Abren las becas para educación no obligatoria de las que se benefician 54.000 gallegos: plazos, cuantía y cómo solicitarlas
- 45 años en la pista: el último titán de las discotecas rurales que resiste en Touro
- El bocadillo que triunfa en Santiago y compite por ser el mejor de España