Camariñas entra en 'modo friki'
O polideportivo da Ponte do Porto acolle a segunda edición de PonteFriki, o gran evento de cultura xaponesa, gaming e lecer alternativo

Sandra Insua, no centro, este sábado cos organizadores de PonteFriki. / Cedida
O polideportivo da Ponte do Porto (Camariñas) abriu este sábado as súas portas para dar o pistoletazo de saída á esperada segunda edición de PonteFriki, o gran evento de cultura xaponesa, gaming e lecer alternativo da Costa da Morte.
A alcaldesa, Sandra Insua, foi a encargada de inaugurar oficialmente a cita, reafirmando o compromiso firme do Goberno local con esta iniciativa.
Durante a súa intervención, a rexedora quixo deixar claro que "o apoio do Concello de Camariñas a este evento é e será total e absoluto". Insua lembrou que cando a Asociación Carnavales Ponte do Porto (PonteDisfraz) propuxo a idea o ano pasado, sabían que era "unha aposta valente e innovadora", e subliñou que "cando a veciñanza ten iniciativa e traballa arreo para traer vida, lecer e cultura ao noso municipio, a obriga da administración é estar aí, arrimando o ombreiro".
A alcaldesa amosou o seu asombro e orgullo polo crecemento espectacular do evento en tan só un ano, destacando a ampliación do recinto con tres carpas climatizadas e o dobre de contidos. "Tedes montada unha programación que é un auténtico luxo", sinalou Insua, facendo especial fincapé no privilexio de contar coa recoñecida pianista Elesky e co actor de dobraxe Julio Lorenzo.
Sandra Insua fixo unha defensa firme desta forma de ocio: "Moitas veces, a palabra friki usouse no pasado de forma despectiva. Hoxe, o anime ou o manga son cultura con letras maiúsculas. Son formas de expresión artística, de creatividade e de socialización que unen a xeracións cun ambiente san e acolledor", dixo.
Para rematar, augurou "un futuro brillante e moi esperanzador" para PonteFriki, felicitando á organización polo seu incansable traballo desinteresado. "Estades a converter por mérito propio Ponte do Porto na capital da cultura alternativa de toda a Costa da Morte. E iso é algo do que todos os camariñáns nos sentimos profundamente orgullosos", sentenciou Insua.
Este sábado o escenario acolleu un concerto da recoñecida pianista e creadora de contido Elesky. Este domingo 15 será a quenda do actor de dobraxe Julio Lorenzo, moi querido polo público por poñer a voz ao primeiro Goku en galego ou ao personaxe de Bocón en Cómo entrenar a tu dragón.
Os asistentes a PonteFriki poden gozar de múltiples espazos temáticos deseñados para todos os públicos.
A zona gaming duplica o seu tamaño e pon a disposición do público consolas como Playstation, Xbox, Nintendo Switch, a nova Switch 2 e diversos ordenadores. Celébranse torneos de FIFA, 2XKO, Smash Bros e Mario Kart, ademais do apaixonante reto Enfréntate contra un Pro do Tekken. Como novidade, habilitouse un espazo de realidade virtual.
A zona de talleres conta con talleres para crear un sabre de luz, cristais Kyber, Funkos, terrarios Pokeball, pocións máxicas ou construcións de Lego.
Nas zonas de stands e exhibición os artistas e artesáns teñen un espazo para expor e vender as súas creacións, acompañados este ano por unha zona comercial de tendas friki (espadas, figuras, camisetas, cartas...). Ademais, hai unha área de exhibicións con espectaculares montaxes de Lego e Playmobil, así como unha mostra da primeira xeración de ordenadores portátiles do mundo.
A programación inclúe charlas (coma a do influencer Deeibis), quizzes interactivos, concursos de Kpop e cosplay e unha exhibición de bailes caribeños a cargo dos campións da escola Arte e Movemento. A oferta complétase con Paintball, Escape Room, xogos de mesa, inchables, photocall con alugueiro de quimonos tradicionais, recreativas e clases para manexar sabres láser.
Lanzamento de desexos
O momento máis máxico programouse para as oito da tarde deste sábado: o lanzamento conxunto de faroliños voadores ao ceo.
Para as 21,00 horas programouse a PartyFriki, unha festa temática de entrada gratuíta. O único requisito de acceso (código de vestimenta) é levar calquera complemento ou roupa friki: dende unha camiseta de Stranger Things ata unhas lentes de Harry Potter.
A festa estará amenizada polo concerto do grupo Os Gremlins e o peche correrá a cargo da DJ Mai, que picará dende Kpop ata os mellores temas de videoxogos e anime.
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Demasiado mayor para ascender, pero no para trabajar: una gallega denuncia ante la ONU un caso de edadismo en la función pública
- El paseo de pasarelas junto al mar más bonito de Galicia está a una hora de Santiago: 'Solo escuchas las olas
- SG Monte do Gozo, la empresa que facilita vacaciones a los ganaderos gallegos: 'En el campo también hay sueldos de médico
- Las entradas de O Son do Camiño no vuelan tan rápido como hace un año
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Vuelven a Santiago las quedadas para leer en silencio que arrasaron en 2025