Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A localidade estradense de Figueiroa medra... e o seu parque infantil, tamén

O Concello ampliará en 60 metros cadrados a instalación, próxima á escola infantil e ao colexio

Estado actual do parque infantil de Figueiroa.

Estado actual do parque infantil de Figueiroa. / Cedida

A Estrada

O Concello da Estrada ten prevista unha ampliación da superficie e dos elementos na área de xogo infantil do parque existente en Figueiroa, no tramo final da avenida de Santiago, unha dotación encadrada nunha zona que gañou moita poboación nos últimos anos e que resulta estratéxica, dada a súa proximidade á Escola Infantil Municipal e ao CEIP Figueiroa.

Neste sentido, cómpre sinalar que a parroquia de San Paio é a máis poboada, con 9.893 residentes, seguida de Figueiroa de Arriba, con 1.062, Guimarei, con 392, Berres, con 387, Callobre, con 383, e Santeles, con 300, segundo os datos do padrón municipal a 31 de outubro de 2025. No municipio hai 20.273 empadroados.

Dende o Goberno local recoñécese que a infraestrutura foi quedando pequena co paso dos anos, de xeito que se resolveu destinar algo máis de 52.000 euros, procedentes dunha baixa do plan provincial +Provincia, para a realización dunha actuación de mellora e ampliación do parque infantil.

O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, explicou que actualmente o parque da avenida de Santiago ten unha superficie de xogo de 116 metros cadrados. Con este proxecto, a intención do Concello e engadirlle outros 60 metros cadrados, de xeito que a área destinada ao ocio infantil se achegue aos 180 metros cadrados.

A iniciativa contempla a ampliación da soleira existente e a instalación de novas lousas homologadas na totalidade da superficie que se empregará para instalación de elementos de xogo. Ademais de conservar as pezas existentes que se atopen en bo estado ou de realizar algunha mellora que estes elementos poidan precisar, incorporaranse novas estruturas para a diversión dos usuarios deste parque. Estes novos elementos colocaranse na zona de ampliación.

O prazo de execución das mellores é de dous meses. O Concello xa remitiu o proxecto á Deputación de Pontevedra para que o organismo provincial dea o seu visto bo para reinvestir nesta aposta baixas obtidas noutros proxectos financiados co +Provincia.

A pérgola existente na zona verde manterase para garantir a existencia de zonas de esparexemento á sombra neste enclave, conservándose tamén o espazo reservado ao xardín, para goce dos usuarios de maior idade destas instalacións.

Tracking Pixel Contents