Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Matemático de Bermés entra pola porta grande do museo de Lalín

O artista Armindo Salgueiro realizou por encargo do Concello un retrato de José Rodríguez González, considerado o primeiro científico galego de proxección internacional

José Ángel Docobo e José Crespo, dereita, ante o retrato de José Rodríguez González, obra de Armindo Salgueiro.

José Ángel Docobo e José Crespo, dereita, ante o retrato de José Rodríguez González, obra de Armindo Salgueiro. / Cedida

Lalín

O Concello de Lalín celebrou este sábado o Día Internacional das Matemáticas coa incorporación aos fondos do Museo Ramón Mª Aller dun retrato do Matemático de Bermés, José Rodríguez González, considerado por estudosos como José Ángel Docobo e Carmen Villanueva como o primeiro gran científico galego de proxección internacional.

A obra, realizada polo artista lalinense Armindo Salgueiro por encargo do Concello de Lalín tras valorar positivamente o alcalde, José Crespo, a iniciativa proposta polo astrónomo Docobo, dota o museo dunha representación visual dun dos grandes nomes da tradición matemática e científica galega.

Aínda que o retrato foi instalado recentemente no museo, a data escollida para a súa incorporación non é casual. O Día Internacional das Matemáticas, proclamado pola Unesco en 2019, a proposta da Unión Matemática Internacional, celébrase cada 14 de marzo, coincidindo co coñecido Día de π (pi) pola notación anglosaxoa 3/14.

A efeméride busca destacar o papel esencial das matemáticas no desenvolvemento científico, tecnolóxico e social, así como promover a súa divulgación e o fomento de vocacións entre a mocidade.

A presenza do retrato no museo reforza tamén o vínculo intelectual entre José Rodríguez González e Ramón María Aller Ulloa. A relación entre ambos é estritamente historiográfica e científica, mais profundamente significativa.

Case cen anos despois da morte do Matemático de Bermés, Aller Ulloa dedicoulle o discurso de ingreso no Seminario de Estudos Galegos, titulado Resumen biográfico de D. José Rodríguez, no que recuperou e puxo en valor a súa vida e obra.

Ese texto, conservado nos arquivos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, amosa a admiración de Aller pola traxectoria de Rodríguez e o seu desexo de dar a coñecer ao público a relevancia do científico lalinense.

Un ano despois, Aller Ulloa publicou a que se considera a primeira biografía completa de José Rodríguez González, converténdose nun dos principais responsables da recuperación e difusión da súa memoria. Grazas a ese labor, a figura do Matemático de Bermés pasou a ser máis coñecida na historia da ciencia.

Legado científico lalinense

Cunha peza que une simbolicamente a Rodríguez e Aller, o Museo Ramón Mª Aller dá un paso máis na súa misión de preservar e divulgar o legado científico lalinense, ofrecendo ao público unha visión máis completa das figuras que contribuíron ao avance das matemáticas e da astronomía desde Lalín.

Deste xeito, o retrato realizado por Armindo Salgueiro convértese así nun elemento de especial valor para asentar o relato da memoria científica lalinense, nunha data tan significativa como o 14 de marzo, que celebra o impacto das matemáticas na sociedade actual.

Ao respecto cómpre lembrar que en 2024, con motivo do bicentenario do seu pasamento, desenvolveuse unha programación especial, promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), a Xunta, a USC, o Consello da Cultura Galega e o Concello de Lalín, que incluíu diversas actividades, como a presentación do libro José Rodríguez González: un matemático sublime; unha exposición itinerante sobre a súa traxectoria académica e humana; a edición de materiais divulgativos que foron distribuídos nos centros educativos; ou o descubrimento dunha placa conmemorativa na igrexa de Santo Agostiño, en Santiago de Compostela, onde foi soterrado. Estas accións, entre outras, contribuíron a reforzar o recoñecemento público da súa destacada figura.

Tracking Pixel Contents