Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ACTO

Homenaxean ás mulleres das Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Costa da Morte

Acción Feminista do BNG xuntou en Muxía representantes de nove concellos

Representantes das ANPA de Costa da Morte e do BNG no acto celebrado en Muxía.

Representantes das ANPA de Costa da Morte e do BNG no acto celebrado en Muxía. / Cedida

Muxía

A Acción Feminista do BNG da Costa da Morte rendeu homenaxe en Muxía ás mulleres das Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) da comarca, en recoñecemento á súa loita por demandar melloras nos centros escolares, especialmente neste curso no que veñen participando en mobilizacións para reclamar máis docentes para o alumnado con necesidades especiais.

O acto, enmarcado na celebración do 8-M, foi presentado pola voceira municipal do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, e pechouno a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra.

Foron invitadas representantes das ANPA’s dos concellos de Fisterra, Corcubión, Cee, Carnota, Dumbría, Muxía, Vimianzo, Camariñas e Zas, que recibiron un agasallo por parte das organizadoras.

Apoio de alcaldes

Entre o público asistente estiveron os alcaldes de Zas e Muxía, Manuel Muíño e Javier Sar; o deputado do BNG Óscar Insua; e representantes nacionalistas da Costa da Morte.

Recortes en educación

Dende a Acción Feminista do BNG sinalan que "neste curso 2025-2026 toda a comarca vén de sufrir recortes importantes en educación, e a defensa do ensino público por parte das ANPA, constituídas maioritariamente por mulleres, fai que sexan merecedoras dun recoñecemento especial".

O evento contou coa actuación musical das mozas pandeireteiras Os Roquiños, e ao remate os asistentes degustaron uns petiscos.

Tracking Pixel Contents