A pintora muxiá Ama Wilde envolve en «luz e enerxía» a Catedral de Compostela
A tamén poeta, cantautora e amante da espiritualidade plasma o que nos rodea e non se ve
As súas obras son fíos de cores tecidos como o encaixe

Obra da artista muxiana coa que busca transmitir a forza espiritual e simbólica da Catedral de Santiago. / Ama Wilde
Con raíces en Camariñas e Muxía, María Rosa Martínez, coñecida artisticamente como Ama Wilde (Amor salvaxe), despois de residir e formarse en Belas Artes en Londres buscou acubillo en Merexo (Muxía) onde, na compaña da súa parella, desenvolve a súa multifacética carreira artística.
Pintora, poeta, cantautora e amante da espiritualidade, Ama busca plasmar nas súas obras «a enerxía que nos rodea». «Case todo o que existe non o percibimos, pero está aí», afirma.

Ama Wilde, pintora, cantautora e poeta afincada en Muxía. / Cedida
Vén de rematar unha orixinal pintura inspirada na Catedral de Santiago de Compostela, unha obra que busca «transmitir a súa forza espiritual e simbólica a través dunha linguaxe expresiva e contemporánea», subliña. Envolveu o maxestuoso templo «nun movemento dinámico de luz e enerxía, evocando tanto a tradición xacobea como unha visión actual da experiencia peregrina».
Fíos de cores
Trátase dunha obra que define o seu estilo pictórico. «A miña tese tituleina Un tecido de enerxías, e os meus cadros son como fíos de cores, como encaixe de bolillos», afirma. «A arte do bolillo paréceme moi máxica e empoderante», engade. «Os trisqueles e as mandalas que tecen as palilleiras son xeometría sagrada e teñen moitas semellanzas coas miñas obras», di.
Zapateiro muxián
Algunhas das súas creacións están expostas no Concello de Muxía e no Museo do Alemán, en Camelle (Camariñas). É autora tamén dun retrato do zapateiro de Muxía, un home que sempre lle chamou moito a atención «porque non se sabe onde acaba el e onde empeza o seu traballo. Plasmalo nun retrato é recoller parte da historia do pobo», afirma Ama.
A vocación artística xurdeulle xa sendo unha nena. «Sempre me encantou pintar», comenta. Iso levouna a formarse en Belas Artes, pero, cando estaba cursando un máster, algo non lle cadraba. «Non me sentía cómoda facendo traballos convencionais, e deime conta de que os artesáns son máis artistas que o que vía nas galerías», di.
Refuxio na música e na poesía
Ese «desencanto» levouna a buscar refuxio na música e na poesía, sen deixar nunca a pintura. Así empezou a súa carreira de cantautora e poeta. As súas cancións e vídeos están dispoñibles en Youtube (www.youtube.com/@amawilde). Entre elas, algunhas con títulos suxestivos como Cantarle una nana a las pesadillas. Na súa creación literaria destaca o poemario Corazón rebelde. Son obras nas que aborda temáticas variadas, «dende a xustiza social e a filosofía ata a arte e o benestar», afirma.
Camino Creation
A maiores, dende o seu refuxio en Merexo (Muxía) impulsou, xunto coa súa parella, o proxecto Camino Creation (caminocreation.com), ao abeiro do cal publican en Youtube (www.youtube.com/@caminocreation) entrevistas a peregrinos, que contan as súas experiencias na ruta xacobea. Ademais, crean souvenirs sostibles, feitos a man, e pensados para peregrinos e amantes do Camiño. Son deseños únicos e personalizables.
- Nuevo cierre en el comercio de Santiago: entra en concurso de acreedores y se despide tras más de 20 años en el Ensanche
- El 'Mercado da arte' aterriza en Área Central: más de 80 artistas, música en directo y piezas únicas este fin de semana
- Galicia abre la puerta de la vivienda pública a miles de gallegos más con prioridad para las familias jóvenes con hijos
- Las tres grandes orquestas de Galicia, juntas en un pueblo de menos de 200 vecinos cerca de Santiago
- Así es la casa de Santiago que opta a los Premios Arquitectura 2026: 'No busca ocultar ni sustituir lo existente
- Un camión queda atrapado debajo de Área Central por no respetar la altura máxima del paso subterráneo
- La previsión del ministro de Transportes sobre la apertura total de la autovía A-54 entre Santiago y Lugo: 'Próximamente
- Alcaldes y patronal de Arzúa y Melide claman por un fin de obras en la A-54 que no ven próximo