Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SANIDADE

Recollen firmas para que se amplíen os servizos no centro de saúde da Laracha

O BNG demanda a implantación de consultas vespertinas para facilitar a conciliación

Representantes do BNG na feira de Paiosaco recollendo sinaturas.

Representantes do BNG na feira de Paiosaco recollendo sinaturas. / Cedida

A Laracha

Os membros do BNG da Laracha, arroupados polo deputado Óscar Insua e tres concelleiros do goberno de Carballo, levaron á feira de Paiosaco as súas reivindicacións para mellorar servizos no centro de saúde local. Entre outras demandas, reclaman consultas polas tardes.

Repartiron folletos informativos, recolleron sinaturas e coñeceron de primeira man as inquedanzas da veciñanza. A portavoz nacionalista, Carolina Castiñeiras, afirmou que grazas á presión que está facendo a súa formación, "están obrigando ao PP a moverse".

Servizo de psicoloxía

A este respecto sinalou que "soubemos que en breve se vai implementar un servizo de psicoloxía no centro de saúde, algo que consideramos esencial e que xa debería de levar tempo funcionando. Lembremos que dende que se inagurou o PAC, o PP falou de incrementar servizos polos que a Laracha leva agardando dende antes da pandemia".

Veciños con médico noutra localidade

"O que máis nos está a sorprender é a cantidade de xente que vive na Laracha e manten o médico noutra localidade, precisamente pola falta de servizo en horario vespertino, algo que lles resulta imprescindible para poder conciliar a vida persoal coa laboral", asegura a voceira do BNG.

Pola súa banda, o deputado no Parlamento, Óscar Insua lembrou que "o Partido Popular da Laracha votou de novo en contra, no último pleno ordinario, a esta reivindicación de sumar máis persoal médico e sanitario" e anunciou que nas vindeiras semanas presentarán todas as sinaturas na Consellería de Sanidade, como medida de presión para conseguir este servizo.

Tracking Pixel Contents