Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MOBILIDADE

Unha senda peonil na AC-552 facilitará o acceso a servizos básicos a persoas con diversidade en Cabana

A Xunta investirá máis de 420.000 euros e as obras licitaranse no primeiro semestre.

Trazado da nova senda peonil proxectada pola Xunta na AC-552 en Cabana.

Trazado da nova senda peonil proxectada pola Xunta na AC-552 en Cabana. / X. G.

Cabana

O Consello da Xunta aprobou definitivamente o proxecto de construción da nova senda na estrada AC-552 en Nantón (Cabana de Bergantiños), cuxas obras se licitarán no primeiro semestre deste ano e suporán un investimento que superará os 420.000 euros.

Trátase dun roteiro peonil de 1,5 quilómetros, na marxe dereita da AC-552, entre os puntos 49+650 e 51+150, co fin de fomentar a mobilidade sustentable e mellorar a seguridade viaria da estrada, tanto desde o punto de vista do peón como do tráfico rodado.

Usuarios de Íntegro

Ademais, esta intervención facilitará ás persoas con diversidade funcional da Asociación Íntegro o acceso con seguridade ao centro de saúde, á parada de autobús, á farmacia, ao campo de fútbol e outros servizos ubicados na contorna.

A aprobación definitiva do proxecto comporta tamén a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos 32 predios necesarios para executar esta intervención. O prazo de execución das obras é de 6 meses.

A actuación financiarase con cargo a fondo do programa operativo Feder 21/27, segundo informa a Xunta de Galicia.

Tracking Pixel Contents