Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

Mar inviste 640.000 euros na renovación de dez portos autonómicos de Galicia

En Muxía renovarase o pavimento do pantalán e catorce fingers

Javier Sar, esqda., José A. Álvarez, Sandra Vilela, Marta Villaverde e Daniel Castro, en Muxía.

Javier Sar, esqda., José A. Álvarez, Sandra Vilela, Marta Villaverde e Daniel Castro, en Muxía. / X.

Muxía

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou no porto de Muxía o proxecto de renovación integral dos pavimentos de madeira do pantalán destinado aos profesionais da pesca, co obxectivo de reforzar a resistencia ante condicións adversas. Trátase dunha actuación enmarcada nun contrato global para unha decena de portos autonómicos que se atopa a día de hoxe en licitación por importe de 640.000 euros.

Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez; o alcalde, Javier Sar; a tenente de alcalde, Sandra Vilela; o patrón maior, Daniel Castro; e concelleiros locais, explicou o alcance desta actuación que beneficiará o porto muxián , así como os de Lorbé (Oleiros), Muros, A Barquiña (Outes), Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía de Arousa), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona.

Sete meses

A conselleira trasladou que as obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia ante condicións meteorolóxicas adversas. O prazo de execución previsto para os traballos é de sete meses.

Catorce fingers

En concreto, no porto de Muxía actuarase sobre o conxunto das instalacións destinadas á terceira lista, cun investimento de 20.000 euros. O ámbito da actuación abrangue tanto o tramo inicial de pasarela como o propio pantalán e catorce fingers. En todo momento facilitarase o acceso dos usuarios ás súas embarcacións, adoptando as medidas precisas.

Con esta actuación, Portos de Galicia mellorará o tránsito nestas instalacións flotantes minimizando os riscos de esvarar ou sufrir un accidente por parte dos usuarios. Ademais, quedarán repostas as táboas en mal estado debido ao deterioro do material polas condicións meteorolóxicas severas que soportan e a acción do mar.

Tracking Pixel Contents