Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

HISTORIAS

A raíña que une Exipto e Dumbría

Nieves García, xornalista e arqueóloga dumbriesa, adéntrase na literatura coa novela ‘Arsínoe, reina de Alejandría'.

Dende nena fascínalle a exiptoloxía e participou nunha misión arqueolóxica no Templo de Karnak, en Luxor.

Nieves García, coa súa novela 'Arsínoe, reina de Alejandría'

Nieves García, coa súa novela 'Arsínoe, reina de Alejandría' / Cedida

Dumbría

Estudou xornalismo porque na escola lle dicían que escribía moi ben, pero a fascinación que sempre sentiu por Exipto e o confinamento derivado da covid levaron a Nieves García Centeno, natural de Buxantes (Dumbría) a dar un xiro radical para cursar Historia na UNED, un máster en Exiptoloxía na Universidade de Alcalá de Henares e un máster de Arqueoloxía, Ciencias da Antigüidade e Patrimono na USC.

A partir de aí comezou a súa particular historia, que lle permitiu conxugar o xornalismo, como profesión, coa súa gran paixón: o mundo dos exipcios, ao que agora vén de aportar o seu gran de area en forma de novela: Arsínoe, reina de Alejandría.

Portada da novela 'Arsínoe, reina de Alejandría'

Portada da novela 'Arsínoe, reina de Alejandría' / Cedida

Trátase dunha obra na que afonda na figura da muller que lle quitou o trono á súa irmá maior, Cleopatra, e que mesmo se atreveu a enfrontarse a Julio César para salvar Exipto de Roma.

Nieves descubriu a Arsínoe a través dos seus estudos, investigacións e viaxes, pero foi a raíz dunha visita a Éfeso cando decidiu convertela en protagonista da súa primeira novela. «Alí visitei o Octágono, unha tumba que emula o faro de Alexandría e na que se di que foi soterrada esta raíña, e a partir de aí decidín escribir a novela, que xa tiña en mente desde facía tempo», afirma.

A través desta obra, Nieves quere dar visibilidade ás mulleres que «como Arsínoe, lidaron nun mundo dirixido por homes, intentando ser donas do seu destino».

De nena xa escribía contos

Sempre lle gustou escribir. «Dende nena xa escribía contos, historias e relatos, pero foi a vida de Arsínoe a que me empuxou a esta aventura. Teño moitas historias abertas no caixón, pero ata o de agora custábame rematalas», asegura. Agora que deu o paso ten claro que seguirá escribindo e afondando na arqueoloxía, na investigación e na divulgación «da historia en xeral e, especialmente, da de Exipto», subliña. Quere seguir deixándose levar pola súa paixón, que a levou tamén a participar nunha misión arqueolóxica no Templo de Karnak, en Luxor.

Dispoñible en plataformas

A novela, publicada por Editorial Almuzara ao abeiro do selo Mascarón de Proa, está dispoñible en plataformas como Amazon ou a FNAC, ademais de na web da propia editorial. A presentación tivo lugar no Museo de San Isidro, en Madrid, nun acto no que Nieves García estivo acompañada polo editor, Javier Barbero.

Nieves García, esquerda, coa alcaldesa de Cee, Margot Lamela, e Susana Seoane, da organización feminista Buserana.

Nieves García, esquerda, coa alcaldesa de Cee, Margot Lamela, e Susana Seoane, da organización feminista Buserana. / Cedida

Ademais, na Coruña houbo unha dobre presentación no Fórum Metropolitano e no Ágora, e a pasada fin de semana presentouna en Cee «nun acto moi emotivo», afirma Nieves, xa que estivo acompañada musicalmente co Epitafio de Seikilos, a composición musical completa máis antiga que se conserva, e o Primo inno alla Musa, de Mesomede de Creta, interpretadas por Alba Trillo ao piano e Martín Castiñeira ao clarinete, baixo a dirección de Fernando Fraga, director da Escola e da Banda de Música de Cee. En abril presentarase tamén en Dumbría.

Tracking Pixel Contents