Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA

Ames impulsa a creación en galego cun Certame Literario que reparte 3.800 euros en premios

O prazo de entrega dos traballos orixinais está aberto ata o 30 de abril.

O alcalde presidiu a presentación do novo certame literario.

O alcalde presidiu a presentación do novo certame literario. / Cedida

Redacción

Ames

O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras presentaron a vinte e tres edición do Certame Literario de Ames, unha iniciativa con máis de dúas décadas de andadura que ten como obxectivo impulsar a creación literaria en lingua galega, así como promover e difundir a cultura propia.

O certame consta de dúas modalidades, unha de narrativa e outra de poesía. Así mesmo, cada unha delas componse á vez de tres categorías divididas por franxas de idade. Outorgaranse tres premios en metálico e editarase un libro colectivo con todos os textos premiados. 

Xurado do ámbito literario

O xurado estará composto por tres persoas do ámbito literario. Ademais, haberá un responsable municipal que actuará como secretario. O fallo anunciarase o 10 de xuño e a entrega de premios terá lugar o día 13 na Casa da Cultura do Milladoiro

Rosa Moreiras destacou a lonxevidade deste concurso. "Levamos 23 primaveras con este certame e agardamos que sexan moitísimas máis". Un certame "con moita participación, con arredor de 200 traballos en cada edición", e no que "o premio máis importante é a publicación dos textos".

O alcalde, Blas García, fixo fincapé no traballo que o certame "fai na defensa do galego e a cultura de noso".

Bases do Certame

As persoas interesadas en participar terán de prazo ata o 30 de abril para enviar os seus textos, que teñen que ser inéditos e estar escritos en galego. O enderezo ao que se deben remitir os textos é o seguinte: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

3800 euros en premios

Para cada modalidade e categoría establécense tres premios en metálico. Para os participantes menores de 13 anos, o primeiro premio será de 200 euros, o segundo de 170 e o terceiro de 140. Para os de entre 14 e 17 anos o primeiro premio está dotado con 230 euros, o segundo con 200 e o terceiro con 170. Por último, na categoría absoluta, o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 260 e o terceiro de 230.

Tracking Pixel Contents