Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PROPOSTA

A Laracha bonificará o 10% no recibo do lixo por unha correcta separación dos residuos

As reducións aplicaranse no segundo semestre e a vixencia é de dous anos

Un momento da última sesión plenaria na Laracha.

Un momento da última sesión plenaria na Laracha. / Cedida

A Laracha

A Corporación da Laracha debaterá a aprobación dunha interpretación da ordenanza fiscal 3.4 reguladora da taxa pola recollida de lixo co obxectivo de facilitar á veciñanza o acceso ás reducións e bonificacións previstas xa no actual ano 2026.

A finais de 2025 aprobárase a modificación desa ordenanza, por imperativo legal, e isto implicou unha actualización das tarifas, pero ao mesmo tempo tamén se incluíron medidas de carácter social e ambiental para que a veciñanza puidese reducir o importe do recibo nun 10% mediante a participación activa en programas municipais dirixidos a protexer o medio ambiente coa correcta separación dos residuos, como son o emprego do contedor marrón (Ti tes a chave nos núcleos urbanos e na urbanización Monte Claro) e a compostaxe doméstica nas vivendas rurais.

Ampliación de prazos

A iniciativa establece que, de maneira excepcional para o exercicio en curso, o prazo de presentación de solicitudes para acollerse ás reducións da taxa e ás bonificacións por familia numerosa se amplíe ata o 1 de xuño. Deste xeito preténdese ofrecer máis tempo ás persoas que desexen beneficiarse destas medidas para tramitar a súa solicitude.

A proposta recolle que serán aplicadas integramente no recibo correspondente ao segundo semestre de 2026 polo equivalente ao conxunto do exercicio anual, xa que non foi posible a súa aplicación no primeiro semestre. A vixencia sería durante dous anos, polo que, de aprobarse, serán aplicables tamén a 2027, sempre que non se modifiquen as circunstancias que dan dereito a elas.

Despois do acordo plenario, no caso de que así se produza, o Concello informará sobre os trámites que deben realizar as persoas que desexen beneficiarse destas bonificacións e reducións na taxa da recollida de lixo.

Bonificación ICIO

O Pleno tamén se pronunciará sobre a proposta para conceder unha bonificación do 95% no imposto municipal de construcións, instalacións e obras (ICIO) ao proxecto de construción dunha nave industrial no ámbito do parque empresarial promovido pola firma larachesa Rodríguez Amado, dedicada ao sector da fontanería en construción e ás obras hidráulicas.

Tracking Pixel Contents