Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

O Concello do Pino renova infraestruturas con 176.000 euros en axudas da Xunta de Galicia

O conselleiro Diego Calvo e o alcalde Manuel Taboada supervisaron as melloras acometidas

Diego Calvo e Manuel Taboada, á dereita, no Centro Sociocultural Luis Seoane.

Diego Calvo e Manuel Taboada, á dereita, no Centro Sociocultural Luis Seoane. / ANA CONDE

Redacción

O Pino

O alcalde do Pino, Manuel Taboada, comprobou xunto ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, as melloras realizadas co apoio da Xunta de Galicia en infraestruturas e servizos municipais.

A Xunta financiou a compra dun brazo para o tractor desbrozadora

A Xunta financiou a compra dun brazo para o tractor desbrozadora / ANA CONDE

A través de diferentes liñas de axuda, o Goberno galego destinou preto de 176.000 euros a obras no campo de fútbol de Reboredo e no centro sociocultural Luis Seoane, así como á adquisición de equipamento para labores de roza.

Taboada amosou o seu agradecemento á Xunta polas importantes achegas económicas que, ano tras ano, está a destinar ao municipio, destacando a súa importancia para o desenvolvemento e mellora das infraestruturas locais.

Así, o rexedor subliñou que este tipo de subvencións resultan fundamentais, "pois sen elas para concellos coma o noso sería moito máis difícil chegar a ter este tipo de infraestruturas e maquinaria".

No Centro Sociocultural Luis Seoane mellorouse a eficiencia enerxética.

No Centro Sociocultural Luis Seoane mellorouse a eficiencia enerxética. / ANA CONDE

No campo de fútbol de Reboredo renovaron a cuberta das bancadas cun investimento de 25.000 euros, dos que a Xunta achegou case 18.000, o 70 por cento.

O conselleiro tamén comprobou o resultado das obras para a mellora enerxética do Centro Sociocultural Luis Seoane, para as que o Concello do Pino recibiu da Xunta preto de 118.000 euros en dúas anualidades, 2024 e 2025, a través dunha Orde plurianual de subvencións para este fin cofinanciada con fondos Feder.

Esta subvención cubriu o 77,61% do custo da rehabilitación do edificio, que incluíu o cambio da carpintería exterior e da caldeira de calefacción, ademais da substitución das lámpadas interiores por iluminación LED.

Sostibilidade e eficiencia

En total, na mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura investíronse 147.000 euros, cunha actuación que a consolida como un edificio máis sostible e eficiente.

Os traballos incluíron a substitución de todas as carpinterías exteriores, arredor de sesenta ventás e portas, que anteriormente presentaban importantes deficiencias de illamento. A intervención completouse coa renovación total da iluminación interior, mediante a instalación de tecnoloxía LED, e coa modernización do sistema de calefacción.

Así mesmo, incorporouse un sistema intelixente de control que xestiona de forma automatizada a calefacción, a iluminación e o sistema de clima do auditorio, permitindo un uso máis racional da enerxía.

Brazo desbrozador

Por último, Diego Calvo e Natalia Prieto tamén comprobaron as prestacións do novo accesorio adquirido para o tractor municipal. Un brazo desbrozador destinado a traballos de roza que supuxo un investimento de cerca de 50.000 euros, dos que a Xunta achegou case o 80%, ao subvencionalo con 40.000 euros a través dun convenio de colaboración.

Tracking Pixel Contents