Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

Val do Dubra adquire as parcelas para habilitar o futuro polígono industrial

O Concello fixo efectivo o pagamento dos 15 predios por valor de máis de 512.000 euros

Plano do futuro polígono industrial de Val do Dubra.

Plano do futuro polígono industrial de Val do Dubra. / Cedida

Redacción

Val do Dubra

O Concello de Val do Dubra deu un paso decisivo cara á creación do polígono industrial de Bembibre coa sinatura das actas de ocupación e o pagamento, por valor de 512.085,02 euros en total, das 15 parcelas afectadas polo proxecto.

Formalizouse así o trámite clave, contando cun acordo maioritario das persoas propietarias, o que facilita o avance dunha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento económico do municipio.

Enclave idóneo

O ámbito sitúase nunha zona considerada clave, fronte á antiga fábrica da Telleira e con conexión prevista cara Faxón, ofrecendo unha localización axeitada para a implantación de empresas.

Desde o goberno local destacan que este paso supón «un avance fundamental» para dar resposta á demanda existente de solo empresarial por parte de pequenas e medianas empresas da contorna, que levan tempo reclamando espazos ben comunicados e con servizos».

Máis de 20 anos de trámites

O proxecto conta cun longo percorrido administrativo que se iniciou no ano 2005. En decembro do ano 2025 culminouse o expediente coa aprobación definitiva. Deste xeito, o procedemento iniciado hai máis de 20 anos culmina coa ocupación efectiva dos terreos e o pagamento dos mesmos.

Unha vez completado este proceso, o Concello centrará os seus esforzos en definir a fórmula máis axeitada para o desenvolvemento do polígono. O executivo local subliña que a creación do polígono de Bembibre será clave para fixar actividade económica e emprego en Val do Dubra, evitando a saída de proxectos empresariais cara outros municipios da comarca.

Tracking Pixel Contents