CULTURA
Carballo, vinte e catro anos como epicentro da danza contemporánea en Galicia
Do 17 ao 30 de abril, Primavera en Danza ofrecerá cinco espectáculos

Fran Sieira, esquerda, Liliann Portela, Maruxa Suárez, Daniel Pérez, Antón Reixa e Kirenia Martínez, na presentación. / C. C.
O ciclo Primavera enDanza regresa ao Pazo da Cultura de Carballo do 17 ao 30 de abril cunha nova edición que reafirma a súa posición como unha das citas culturais máis destacadas da danza contemporánea en Galicia.
Con 24 anos de traxectoria, este programa impulsado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo continúa apostando pola danza contemporánea como unha disciplina artística clave, e ofrece un espazo estable e de calidade nun contexto no que este tipo de propostas teñen unha presenza limitada na escena galega.
Unha cita consolidada
De feito, Primavera enDanza é hoxe un dos ciclos máis antigos e consolidados dedicados a este xénero en Galicia, como lembrou a concelleira de Cultura e Festas na presentación do festival.
Maruxa Suárez estivo acompañada por Kirenia Martínez, Antón Reixa, Fran Sieira e Lilian Portela, en representación dalgunhas das compañías que pasarán este ano por Carballo, e polo alcalde, Daniel Pérez.
Catro compañías galegas
A edición de 2026 inclúe un total de cinco espectáculos que combinan talento galego e propostas de ámbito estatal. O programa contará con catro compañías galegas, nunha proposta que mestura linguaxes e disciplinas arredor do movemento, o folclore, a tradición e o teatro físico.
Entre as compañías galegas participantes destacan nomes de referencia como Kirenia Martínez, quen abrirá o ciclo cunha proposta innovadora na que colabora o creador multidisciplinar Antón Reixa; Fran Sieira, que presenta o seu espectáculo Benquerer coa música de Caamaño & Ameixeiras, e a compañía Amarelo, que achega unha proposta dirixida ao público familiar.
Décimo aniversario do Colectivo Glovo
Completa a programación o Colectivo Glovo, que celebra o seu décimo aniversario co espectáculo Alén, unha peza de gran formato coproducida polo Concello de Carballo, e o bailarín e coreógrafo Daniel Doña, que pechará o ciclo coa obra El Verbo, unha reflexión escénica sobre a construción de novos rituais contemporáneos.
Ademais das funcións, Primavera enDanza inclúe actividades complementarias orientadas á interacción co público, como encontros cos artistas ao remate das representacións e un obradoiro familiar de danza impartido por Raquel Feradás.
O ciclo tamén reforza o seu compromiso coa accesibilidade, incorporando medidas específicas en determinadas funcións, como interpretación en lingua de signos, mochilas vibratorias ou materiais adaptados.
Venda de entradas e bonos
As entradas e os bonos xa están á venda a través da web do Concello de Carballo e da billeteira en liña, con prezos accesibles que oscilan entre os 5 e os 9 euros, e bonos desde 17 euros.
Con esta nova edición, "Primavera enDanza reafirma o seu compromiso coa creación contemporánea e co achegamento da danza a todos os públicos, e consolídase como un referente cultural tanto a nivel galego como estatal", subliñan dende o goberno local.
- Renfe suspende nueve trenes en Santiago este lunes por falta de maquinistas
- La Xunta anuncia una nueva oferta de empleo público con más de 800 plazas de libre acceso
- El retraso del cuartel de As Cancelas se agrava cuatro meses después del primer incumplimiento
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Luz verde al nuevo barrio de Mallou: la Xunta impulsa el suelo para 3.600 viviendas en el norte de Santiago
- Los vuelos 'vip' que traen material oncológico de Barcelona a Santiago y vuelven con pasajeros por 200 euros
- Las entradas de O Son do Camiño no vuelan tan rápido como hace un año