Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PAISAXE PROTEXIDA

Xunta e concellos impulsan actuacións de posta en valor dos Penedos de Pasarela e Traba

Proxectan melloras de seguridade, nos accesos e a creación dun aparcadoiro

Representantes municipais e de Medio Ambiente nos Penedos de Pasarela e Traba.

Representantes municipais e de Medio Ambiente nos Penedos de Pasarela e Traba. / Cedida

Vimianzo

Os concellos de Laxe e Vimianzo, xunto coa Dirección Territorial de Medio Ambiente, impulsarán as primeiras actuacións de posta en valor da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, co fin de mellorar a seguridade, o acceso e a experiencia das persoas visitantes neste espazo natural compartido.

Torre da Moa

As intervencións previstas inclúen a mellora do acceso e a instalación de elementos de protección no miradoiro da Torre da Moa, así como a mellora do camiño de acceso que comunica a zona do Penedo, en Pasarela, con Traba, mediante o acondicionamento do firme e a limpeza das marxes do itinerario para facer máis cómodo e seguro o tránsito peonil.

Asemade, entre a iniciativas proxectadas contémplase a habilitación dunha área destinada a aparcadoiro para visitantes no cruce do Brañal.

Xuntanza no territorio

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o rexedor de Laxe, Francisco Charlín; a directora territorial de Medio Ambiente, Pilar Arias; e o xefe do servizo de Patrimonio Natural, Rogelio Fernández, avaliaron os detalles das actuacións e os pasos necesarios para a súa execución.

Dinamizar o turismo

Con estas actuacións, os concellos de Laxe e Vimianzo, "continúan a traballar de maneira coordinada na posta en valor dos Penedos de Pasarela e Traba, un dos recursos paisaxísticos máis singulares da contorna, co obxetivo de dinamizar o turismo de natureza e mellorar a experiencia da veciñanza e das persoas visitantes, garantindo ao mesmo tempo a conservación deste espazo natural", subliñan.

Tracking Pixel Contents