Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Alumnos de 19 centros de Vimianzo e A Laracha sucarán as ondas nun maratón radiofónico

A través do programa educativo Ponte... nas ondas!, estudantes de Galicia e Portugal divulgan o patrimonio cultural de ambos os lados da fronteira

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, no centro, e o rexedor da Laracha, José Manuel López, á súa esquerda, con organizadores do programa Ponte... nas ondas!

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, no centro, e o rexedor da Laracha, José Manuel López, á súa esquerda, con organizadores do programa Ponte... nas ondas! / Cedida

Vimianzo

Os auditorios municipais de Caión (A Laracha) e Vimianzo acollerán o vindeiro venres 24 de abril unha nova edición do programa Ponte... nas ondas!, no que alumnos de dezanove centros educativos de ambos os concellos participarán nun intenso maratón radiofónico.

Trátase dun programa educativo que, a proposta de España e Portugal, foi incluído no ano 2022 no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco e que este ano foi o exemplo escollido por esta organización internacional para a futura plataforma das boas prácticas, que será presentada no mes de decembro en Xiamén (China).

Nesta ocasión serán dez os lugares desde os que se realizarán as emisións. Alumnos e alumnas dos centros educativos de Costa da Morte e de Bergantiños asistirán a Caión e a Vimianzo para realizar os seus programas e terán a oportunidade de coñecer o patrimonio cultural de ambos os concellos.

Os contidos propostos polos centros educativos abranguen diversas expresións e manifestacións do patrimonio local e comarcal.

Ademais, o alumnado renderá homenaxe á autora á que se dedica este ano o Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño, xornalista radiofónica que inspira os participantes nesta iniciativa promovida pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! de Vimianzo.

Na organización deste programa colaboran o Centro de Formación do Profesorado da Coruña e os concellos da Laracha e Vimianzo, así como diversas persoas que destacan polo seu traballo para divulgar o patrimonio cultural inmaterial da zona.

A educación, o patrimonio, a comunicación e as tecnoloxias son os eixos do programa Ponte...nas ondas!

No caso de Vimianzo, os centros educativos participantes son os CEIP Santa Eulalia de Dumbría, Labarta Pose, Praia de Quenxe, San Vicenzo, Vila de Cee, Os Muíños e Víctor Sáenz; o CPR Nosa Señora do Carme; o IES Maximino Romero; e o CPI As Revoltas, e no caso da Laracha, os CEIP de Caión, Gándara-Sofán, As Forcadas, Otero Pedrayo e Alfredo Brañas; o CPI Cabo da Area; e os IES Eduardo Pondal, Agra de Leborís e Parga Pondal.

O programa Ponte... nas ondas! naceu hai 31 anos nos centros educativos do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar co obxectivo de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira galego-portuguesa mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.

A iniciativa bota man das emisoras de radio escolares como ferramenta fundamental para o seu desenvolvemento. Trátase dun modelo educativo que combina radio, educación e patrimonio cultural nas escolas a ambos os lados da fronteira galego-portuguesa.

Esta iniciativa implica os mozos nas súas propias tradicións e crea conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial. Para logralo ao longo deste tempo concorreron factores como a formación do profesorado, a presenza de especialistas nos centros, o uso das tecnoloxías da información e os recursos radiofónicos.

Tracking Pixel Contents