Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Rois aproba un orzamento de 5,6 millóns e o convenio para enviar o lixo a Sogama

A Corporación acordou tamén actualizar os prezos públicos para acudir á piscina de Senra, de acceso gratuíto para menores de 4 anos

Sesión plenaria celebrada en Rois.

Sesión plenaria celebrada en Rois. / Cedida

Redacción

Rois

O pleno da Corporación de Rois aprobou o orzamento para o presente exercicio, que se eleva ata os 5,6 millóns de euros, dos cales 3,5 se destinarán a sufragar os bens correntes e os servizos que dende o Concello se prestan á cidadanía.

Na sesión tamén se aprobou a sinatura do convenio con Sogama para que Rois envíe á planta de Cerceda o lixo doméstico, ademais de actualizar o prezo público para acudir á piscina municipal de Senra.

Deste xeito, Rois contará este ano co orzamento máis elevado da súa historia, ao superar as contas aprobadas o ano pasado nuns 200.000 euros, para chegar neste exercicio aos 5.624.596 euros.

No apartado de gastos, redúcense os de persoal nun 1% ata os 1,22 millóns de euros. A partida máis importante é a de gastos en bens correntes e servizos, para facer fronte a todos os servizos que o Concello lle presta á cidadanía. Esta partida increméntase nun 5,95% respecto ao exercicio anterior debido fundamentalmente á creación dunha partida para o mantemento de vías e parques municipais, a pesar da minoración do custo do servizo de recollida do lixo.

Ao capítulo de investimentos reais destínanse 473.642 euros e outros 49.960 a transferencias correntes coa aportación municipal para o financiamento da mellora do saneamento de Sorribas. A partida de transferencias correntes (187.200 €) estará dedicada ao mantemento da atención benéfico-asistencial, bolsas, cultura e deportes.

No apartado de ingresos, as transferencias correntes procedentes doutras administracións increméntase nun 6,38%, ata os 3.089.577 euros, pola maior previsión de ingresos do Estado e as axudas da Xunta para financiar programas sociais, sobre todo o Servizo de Axuda no Fogar.

Os impostos directos e indirectos mantéñense na mesma contía que o ano anterior (997.000 e 620.000 euros, respectivamente). As taxas e outros ingresos (555.300 €) e as transferencias de capital (362.518 €) completan o capítulo de ingresos.

Durante o debate, o alcalde, Ramón Tojo, destacou o incremento do orzamento, mentres que a oposición considerou que as contas non son realistas.

O orzamento aprobouse cos votos a favor do Goberno do PP (6) e o voto en contra de PSdeG (2) e BNG (1).

Convenio con Sogama

No pleno aprobouse tamén asinar o convenio coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) para o tratamento do lixo doméstico. O alcalde explicou que, tras rexeitar converterse en socio da Mancomunidade Serra do Barbanza, esta entidade concedeulle ata o 31 de marzo para buscar un sistema alternativo de tratamento de lixo, polo que o Goberno municipal optou por adherirse ao sistema promovido pola Xunta de Galicia en Cerceda a través de Sogama.

Ramón Tojo explicou que o Concello “vai aforrar cartos coa sinatura deste convenio con Sogama” e adiantou que se está a traballar para sacar a licitación o servizo de recollida de lixo no municipio para envialo despois a Sogama. Dende a oposición, tanto PSdeG como BNG amosáronse partidarios dun sistema que aposte pola reciclaxe.

O convenio aprobouse cos votos a favor do PP (6), a abstención do PSdeG (2) e o voto en contra do BNG (1).

Conta xeral 2024 e piscina de Senra

Ademais de aprobar a conta xeral correspondente ao exercicio 2024 do Concello de Rois, o pleno tamén acordou modificar o prezo público para acudir a piscina descuberta municipal de Senra durante o verán.

Os novos prezos establecen as seguintes tarifas: acceso gratuíto para menores de 4 anos; 1 euro por día ou 12 euros toda a campaña de verán para menores de 5 a 17 anos; e de 2 € por día ou 25 € no verán para maiores de 18 anos. Ademais, contémplase un carné familiar cun custo de 37 euros para toda a campaña de verán.

A estas tarifas poderá aplicárselle un desconto dun 15% no caso dos carnés para toda a campaña de verán no caso de familias numerosas, monoparentais ou con algún membro con discapacidade superior ao 33%.

A modificación destes prezos aprobouse co voto a favor de PP (6) e PSdeG (2) e coa abstención do BNG (1).

Tracking Pixel Contents