Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Camariñas abre o mércores a Mostra do Encaixe dedicándolle unha avenida ás palilleiras

José Perea fará un espectáculo de costura en directo nunha pasarela pola que desfilarán tamén veciños da localidade

Unha modelo cunha creación da deseñadora valenciana Dolores Cortés, referente na moda de baño en España, que participará na Mostra do Encaixe de Camariñas.

Unha modelo cunha creación da deseñadora valenciana Dolores Cortés, referente na moda de baño en España, que participará na Mostra do Encaixe de Camariñas. / Cedida

Camariñas

Baixo o lema Onde o fío se converte en arte, este mércores día 1 de abril dará comezo a XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se prolongará ata o domingo 5. A cita abrirase co tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte, no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais.

Pero, antes da inauguración oficial, terá lugar ás 15.30 horas, no propio recinto da Mostra, un pleno extraordinario da Corporación municipal no que se aprobará o cambio de nome da avenida Ambrosio Feijoo polo de avenida das Palilleiras.

A inauguración será ás 16.30 horas, e a partir das seis da tarde comezarán os primeiros desfiles: os máis pequenos do PequEncaixe serán os encargados de pisar por primeira vez a pasarela e seguidamente farano os profesionais na sección Grandes Deseñadores. Entre medias, amenizará a pasarela o grupo Luar na Lubre

Durante as cinco xornadas amosarán as súas creacións con encaixe as firmas Ana Cabranes, Claudina Mata, Devota&Lomba, Innamoretto, José Perea, Andion Clothing, Dolores Cortés, El Pulpo, José Matteos, ôse Couture, Xoaquín Ruíz e Ondas do Mar.

A deseñadora valenciana Dolores Cortés (referente da moda de baño en España e presidenta da Asociación de Deseñadores de Moda da Comunidade Valenciana) traballou en 2012 xunto ao Equipo Nacional de Natación Sincronizada, para os Xogos Olímpicos de Londres, deseñando integramente algúns dos bañadores e fabricando a totalidade.

Este equipo gañou dúas medallas, unha de prata e outra de bronce, sendo especialmente aplaudido o modelo de escamas prateadas, deseñado e confeccionado integramente por Dolores Cortes.

Pola súa banda, José Matteos subirá á pasarela a colección Camariñas Tierra Querida, que incorpora o encaixe de Camariñas e se está a presentar estes días nunha convención internacional para tendas e showrooms en París. Esta liña está dirixida a noivas que buscan pezas especiais e valoran o traballo artesanal.

Vestidos de noiva deseñados por José Matteos.

Vestidos de noiva deseñados por José Matteos. / Cedida

O desfile ArtEncaixe será o xoves, ás 12.45 horas. Os artesáns que chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais son: Estilo Aramar, Mariví Santos, O Rulo, Risco Estudio, Encaixa_T, Mascarada O Cansorriño, Ana Trasariz, Alfarería La Cacharrera, Lola Logaro, Tendataller Feituras – María Canedo, Zeltia ao Aire, Ene de Toba.

Tamén o xoves debutarán os participantes no XXXII Concurso de Noveis Deseñadores, no que se repartirán 4.500 euros en premios e participarán 34 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda.

Outra das novidades desta edición será o espectáculo de costura en directo do deseñador andaluz José Perea. Será o xoves 2 ás 12.45 horas e amosará a súa técnica para confeccionar traxes en directo en tempo récord.

O xoves 2 ás 18.00 horas terá lugar o primeiro desfile das delegacións de encaixeiras internacionais, que repetirán o venres 3 ás 16.45 horas e o sábado 4 ás 18.00. Este ano participan Arxentina (Córdoba e Bos Aires), Bulgaria (Sofia), Eslovaquia (Krakovany), España (Arenis del Mar), Italia (Novedrate), Polonia (Bobowa) e Portugal (Peniche e Serra D’El Rei).

O venres 3 ás 20.40 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores, e o domingo 5, a partir das 16.30, darase a coñecer o fallo do xurado.

No PequEncaixe, as nenas e nenos das escolas municipais crean os seus propios encaixes durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra, converténdose así en palilleiras, deseñadores e modelos. Serán o mércores 1 ás 18.00 horas, o xoves 2 ás 12.45 horas, o sábado 4 ás 12.30 horas e o domingo 5 ás 19.00 horas.

O mesmo ocorre no desfile de Encaixeiras Senior de Camariñas, que terá lugar o domingo ás 19.00 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosarán ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.

En canto á animación musical, ademais do concerto de Luar na Lubre terá lugar as actuacións do mozo de Camelle Sebastián Allones Dans, gañador do concurso de talentos Da rúa á lúa, do programa da TVG Quen anda aí (o sábado 4 ás 12:30 horas) e de Fíos de Salitre de Mascarada O Cansorriño (o domingo 5 ás 19.00). O concerto de clausura (o domingo 5 ás 19.30 horas) correrá a cargo de Antía Muíño.

Ademais, o público poderá rir a esgalla con Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola e o seu monólogo Sen restricións, que terá lugar o sábado, 4 de abril, ás 20.30 horas na propia pasarela. O xoves 2, ás 20.30, haberá unha representación teatral a cargo da compañía Aantena titulada Fíos da memoria. E o venres 3, ás 20.30, as risas estarán garantidas co monólogo da compañía de Camelle Mortos de risa.

Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Golpe de Mar, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas.

Ademais, no IX Encontro de Corais participarán a Coral Polifónica San Roque de Vigo, a Coral San Salvador de Pazos de Ponteceso e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (o domingo ás 12.15 horas).

Aproveitarase o evento para a presentación de libros e publicacións como Punto de araña, de Nerea Pallares (o xoves ás 12.00 horas); A princesa dourada, de Anxo Mouzo (o xoves 2 ás 12.20); Ángeles acusadores, de Diego Garrote (o venres ás 12.00); Ardentía 1854, de María D.López-Menéndez Sánchez (o venres ás 12.20); 1898-El padre ausente, a última parte da triloxía de El Cementerio de los Ingleses, de Alfonso de Sas (o sábado ás 11.40); e a presentación de A Costa da Morte, naturalmente única, de Xan Fernández Carrera e Antonio Fernández, que correrá a cargo de Pepe Formoso (o sábado ás 12.00).

O acto de clausura da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 5 de abril ás 19.00 horas.

Gourmet entre encaixes

O Concello repetirá este ano na XXXV Mostra do Encaixe De Camariñas Deputación da Coruña o Gourmet entre encaixes, un espazo dedicado ao sector alimentario no que se poderán instalar postos de venta ao público.

Esta nova zona, na que tamén se situará o bar da Mostra, terá unha decoración ambiental especial e contará cun espazo con mesas e cadeiras para que o público poida degustar alí mesmo os produtos que merque.

Durante toda a Mostra tamén haberá degustacións gastronómicas de polvo, a cargo de Frigoríficos de Camariñas (o venres 3 ás 19.30 horas) e de rodaballo, a cargo de Stolt Sea Farm (o sábado 4 ás 14 horas).

Tamén haberá demostracións de artesanía e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no parque infantil con monitores cualificados.

Tracking Pixel Contents