Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O sector hoteleiro de Melide rozará a plena ocupación coa Foliada, que xuntará unha vintena de grupos

"Custará atopar aloxamento", sinala o alcalde sobre unha cita que animarán formacións locais xunto ás chegadas de Ortigueira, Lugo, Palas de Rei, Sobrado dos Monxes, Toques, Santiso, Cullerredo, Santurtzi, A Coruña e Arzúa

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, sexto pola esquerda, e a edil Carme Liñeira, á súa dereita, con integrantes do colectivo O Castelo, na presentación da Foliada.

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, sexto pola esquerda, e a edil Carme Liñeira, á súa dereita, con integrantes do colectivo O Castelo, na presentación da Foliada. / Cedida

Melide

Unha vintena de grupos de música e baile tradicional protagonizarán os días 25 e 26 de abril a Foliada de Melide, que, un ano máis, e xa van dezanove, atraerá milleiros de visitantes e converterá a localidade no epicentro do folclore galego.

"Para esas datas hai xa moitas reservas nos establecementos hoteleiros de Melide, e custará atopar aloxamento", sinala con orgullo o alcalde, José Manuel Pérez, quen destaca tamén a gran repercusión que adoita ter esta cita para a economía local, especialmente tamén para a hostalería e o comercio.

O rexedor destaca o papel que xoga esta celebración dentro da cultura popular galega e o ambiente que se xera na localidade durante os dous días do festival, nos que aproximadamente máis de douscentos foliadeiros e foliadeiras participarán nas distintas actividades programadas.

José Manuel Pérez agradece o intenso traballo da Asociación Cultural e Musical O Castelo, entidade que se encargou da organización desta cita dende 2005, ata que o Concello tomou as rendas da mesma en 2022. "Eles e elas son os artífices de que esta idea tomara forma en 2005 ata conseguir ser unha das celebracións musicais de referencia en Galicia", dixo o mandatario, que tamén tamén recoñece o apoio das entidades colaboradoras e das persoas voluntarias que cada ano contribúen á organización da Foliada.

A punto de cumprirse dúas décadas do seu nacemento, o rexedor puxo o acento na orixe popular desta celebración, lembrando que se trata dun evento que “naceu do propio pobo de Melide e do acervo que sempre houbo na vila ao redor da música tradicional”.

José Manuel Pérez destacou tamén o ambiente que caracteriza a Foliada. Neste sentido, sinalou que “son días de festa nos que se convive, se intercambia con xente coñecida, descoñecida, grupos, amigos, familias... Todo o mundo se leva ben con todo o mundo e iso fai da Foliada un éxito colectivo sen parangón”.

O rexedor engade que "son días nos que ata quenes non sabemos cantar nos animamos a facelo" e destaca, tamén con orgullo, que "nunca houbo un só problema de orde público, porque é unha festa sa".

O alcalde reafirmou ademais o compromiso do Concello coa continuidade desta celebración, subliñando que “a Foliada forma parte xa da nosa identidade e queremos que siga medrando sen perder a esencia coa que naceu e a forza que ten detrás”.

Pola súa banda, a concelleira Carme Liñeira (que pertenceu á asociación O Castelo) dixo que "máis de 200 integrantes dos grupos participantes encherán de música tradicional as rúas de Melide. Moitas desas formacións, especialmente as locais, participan ininterrompidamente dende a primeira edición, como Froito Novo, unha das máis antigas".

Liñeira dixo que o programa contén propostas pensadas para públicos moi diversos. Neste sentido, destacou que “os cantos de taberna, o serán, as mostras de baile tradicional ou a mostra de artesanía son os ingredientes perfectos para que esta receita siga funcionando con éxito ano tras ano”.

Liñeira subliñou tamén que a programación inclúe concertos, animación de rúa, actividades culturais e propostas familiares co obxectivo de que a música tradicional volva ocupar as rúas da vila durante toda a fin de semana.

A Foliada comezará o sábado 25 de abril ás 11.00 horas coa apertura da Mostra de Artesanía e Instrumentos, que estará instalada na Praza do Convento durante toda a fin de semana. A mostra reunirá artesáns de diferentes puntos do país en catorce postos dedicados á elaboración de instrumentos tradicionais e á confección de traxes tradicionais.

Ás 11.30 horas haberá animación de rúa con xigantes e cabezudos, acompañados polo grupo Os Treboeiros de Muimenta, que percorrerá as rúas da vila enchendo de música e ambiente festivo o inicio da xornada.

Ás 12.00 horas celebrarase o 15º Concurso de Cantos de Taberna, un dos momentos máis agardados da Foliada. Os grupos participantes realizarán un percorrido polos bares da zona antiga de Melide interpretando pezas tradicionais. Ás 15.30 entregaranse os premios na Praza das Coles.

Ás 17.00 horas haberá unha nova sesión de animación de rúa co grupo Os Treboeiros de Muimenta, e media hora despois un obradoiro de baile para adultos na Praza do Convento, impartido por Manu Seoane coa colaboración de Bico da Balouta.

Ás 19.00 horas comezará a Marcha Gaiteira polas rúas da vila, na que participarán trece agrupacións musicais que se repartirán por diferentes rúas e prazas de Melide. Rematarán no Cantón de San Roque. Media hora despois celebrarase o Serán na Praza das Coles, considerado o xermolo da propia Foliada.

Nesta cita participarán diferentes agrupacións musicais que tocarán para que o público poida bailar e gozar dunha noite de música tradicional: Herba Grileira Gaita e Herba Grileira Pandeireta (Melide), A Maristela Gaita e A Maristela Canto (Sobrado dos Monxes), Bingo Birón (Toques), Fol da Chousa (Santiso), Gaiteiros do Balado (Toques), Pozo Pequeno (Melide), Froito Novo (Melide), Eu que sei taberneiros (Culleredo), Airiños Galegos Doce Albor (Santurtzi), A Rexouba (A Coruña), Bringuelo (Arzúa) e Palacio do Rei Gaita e Palacio do Rei Canto (Palas de Rei).

Xa á medianoite actuará o grupo Os Carecos na Praza das Coles, e ás 02.00 horas, Os d’Abaixo.

No tocante ao domingo 26 de abril, tras a apertura da Mostra de Artesanía e Instrumentos haberá animación de rúa coa Banda de Gaitas de Ortigueira, acompañada de xigantes e cabezudos.

Ao mediodía terá lugar a presentación musicalizada do libro O violín que trae o vento, de Adrián Méndez, na Capela de Santo Antón. A obra relata a vida de Modesta Fernández, coñecida como A cega de Noceda, unha violinista da Fonsagrada que se converteu nunha artista inesquecible na música tradicional da zona.

Ás 13.00 horas actuará a Banda de Gaitas de Ortigueira na Praza do Convento; ás 14.00 horas haberá sesión vermú na Praza das Ichoas co grupo Irmaus da Raia Seca; ás 17.00 horas será o espectáculo infantil da compañía Os Monifates na Praza do Convento; ás 18.00 haberá xogos populares na rúa Convento (organizados pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional); ás 18.00 terá lugar a Mostra de baile tradicional, con Cantigas e Flores, de Lugo, na Praza do Convento; ás 19.00 actuará Felisa Segade na Praza das Coles; e ás 21.00 Tiruleque.

Tracking Pixel Contents