O goberno de Padrón leva as graves aldraxes contra os seus integrantes aos tribunais
O rexedor Anxo Arca e a súa familia, e máis as concelleiras Laura Horta e a Chus Campos, recibiron insultos en redes
Afirma que algúns proveñen "da órbita do Partido Popular", e hai anónimos que divulgan bulos e actitudes machistas

Algúns dos insultos e calificativos contra o equipo de goberno padronés en redes / Concello
O Executivo local de Padrón súmase ao doutros municipios, como o de Ames ou Teo, onde os seus gobernantes veñen de plantar cara a moitas das persoas que se agochan no anonimato, actuacións grupais ou dende as redes sociais para soltar todo tipo de improperios, insultos e vexacións. Así, o rexedor vén de denunciar publicamente, e tamén nos tribunais, os continuos ataques de carácter machista procedentes de diversos perfís en redes sociais "da órbita do Partido Popular, uns comportamentos non condenados pola oposición e que traspasan todas as regras da contenda política".
Estes comentarios foron publicados en páxinas de Facebook por persoas que empregan o seu nome, pero tamén dende perfís maliciosos creados "co único obxectivo de verter odio" sobre as persoas que compoñen o actual Goberno padronés. "Ditos comentarios teñen un forte transfondo machista e atentan, ademais, contra a propia familia das concelleiras". Ao seu xuizo, non se trata de feitos illados. O primeiro destes ataques produciuse cando se cuestionou a unha concelleira polo simple feito de vestir un maillot de ciclismo, poñendo o foco no seu aspecto en lugar de no seu traballo. Agora, nun novo episodio, a dende estes perfís traspásase outra liña vermella ao atacar a vida persoal doutra concelleira, chegando incluso a cuestionar o seu papel como nai.
Rexedor e familiares
Tamén o alcalde, Anxo Arca, e a súa familia veñen sendo gravemente insultados de xeito reiterado por parte destas mesmas persoas e perfís. De feito, o rexedor xa empredeu accións legais contra un destes agresores, un veciño de Herbón que terá que declarar no xulgado o vindeiro mes de xullo. O Goberno de Padrón deixa claro que está farto deste tipo de actitudes e anuncia medidas legais para poñer fin a estas actitudes retrógradas fomentadas ou permitidas pola oposición. "Resulta inaceptable que no ano 2026 se siga utilizando ás mulleres como ferramenta de ataque político, instrumentalizando os seus corpos e poñendo en dúbida as súas facetas persoais".
Deste xeito, o Executivo padronés traslada todo o seu apoio e cariño ás concelleiras Laura Horta e a Chus Campos, cuxo traballo é ben visible e está a mellorar Padrón de xeito evidente. Tamén reitera que este tipo de insultos aparecen cando non hai argumentos reais que oculten o rexurdimento que está a experimentar Padrón como consecuencia da boa labor do actual Goberno.
Bulos e machismo
"Por iso recorren á difusión de bulos e ao machismo para intentar tapar o traballo serio e constante que se está a realizar dende o Concello. No caso das concelleira Laura Horta, acadou fitos relevantes para a nosa vila, como a consecución da subvención do Estado para celebrar por primeira vez un evento gamming en Padrón, a posta en marcha de programas de formación en dixitalización tanto nas parroquias como no centro, a implantación de campamentos dixitais para a veciñanza máis nova ou a incorporación do municipio ao Esquema Nacional de Seguridade, aumentando a protección dos sistemas e datos informáticos do Concello ou a implantación do sistema de apertura intelixente da Biblioteca Pública Municipal", indica.
Papel fundamental
Mentres tanto, "Chus Campos ten un papel fundamental na configuración da nova promoción e programación turística e festiva padronesa, destacando a revitalización da Feira Medieval e do Santiaguiño, a programación dunhas festas de Pascua que se sitúan xa como unha referencia festiva de Galicia, os avances na negociación colectiva para mellorar a situación do persoal municipal, ou a mellora da proxección exterior de Padrón", inclúen no seu alegato. "As concelleiras deste goberno non están aquí para ser cuestionadas pola súa roupa nin pola súa vida privada", continúan, "senón pola súa xestión. E nese ámbito, están demostrando día a día o seu compromiso e capacidade cun traballo rigoroso e unha xestión impecable. Dende o Concello de Padrón facemos un chamamento á responsabilidade política e ao respecto institucional"
Remata aclarando que a crítica política "é lexítima. Os insultos e o machismo só representan a podremia e a desesperación de quen ve no actual avance de Padrón unha ameaza para os seus intereses políticos. E advertimos: quen atente contra a dignidade das persoas que compoñen este Goberno, terá que responder ante a xustiza. Basta xa de insultos covardes e oposición rastreira".
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Renfe suspende nueve trenes en Santiago este lunes por falta de maquinistas
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Las entradas de O Son do Camiño no vuelan tan rápido como hace un año
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- El retraso del cuartel de As Cancelas se agrava cuatro meses después del primer incumplimiento
- Buena comida y gran ambiente en la primera Festa da Caza de Trazo
- Crónica social compostelana | Comida de confraternidad de la promoción del curso 1966-67 del Colegio La Salle