Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SEMANA SANTA

Gastronomía, música e baile na Festa do Congro de Muxía

A degustación terá lugar o venres, día 3 ás 13.00 horas, na zona portuaria

Comensais na Festa do Congro do pasado ano en Muxía.

Comensais na Festa do Congro do pasado ano en Muxía. / Diego F. Otero

Muxía

Muxía celebra en Semana Santa unha das festas gastronómicas con máis arraigo na vila: a Festa do Congro. Unha cita que dende 1997 exalta un dos produtos máis típicos da zona, ofrecendo a degustación do congro nas súas diferentes variantes e nun ambiente festivo amenizado por música. 

Cartel promocional da Festa do Congro, de Muxía.

Cartel promocional da Festa do Congro, de Muxía. / Cedida

A XXVIII Festa do Congro celebrarase o venres, día 3 de abril, e estará amenizada polos Xaramiños do Corpiño. Á tardiña será momento de charangas e a xornada rematará con música no Malecón. Ademais, o domingo, día 5, haberá unha tarde de baile social. O evento está organizado por Muxía Cultural, un proxecto do Concello de Muxía e Horta Creativa

A concelleira de cultura Sandra Vilela convida "a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse a Muxía para gozar dunha das nosas citas máis queridas. Como sempre, o Venres Santo, toda a Costa da Morte ten unha cita na vila da Barca para degustar un dos nosos produtos máis tradicionais, como é o congro. Esta festa, que cumpre xa a súa vinte e oito edición, é moito máis ca unha proposta gastronómica: é unha celebración da nosa identidade mariñeira, do traballo das nosas xentes do mar e da riqueza da nosa cociña".

Programación completa

A festa comezará o venres 3 de abril coa tradicional degustación de congro no porto de Muxía. O xantar terá un prezo de 5 euros e poderase degustar nas súas diferentes elaboracións: á prancha, en empanada de millo ou trigo, e en salpicón. Incluirá unha cunca de viño.

A festa continuará pola tarde coas charangas Europa e Sorcha. E á noite haberá música no Malecón a cargo de Leite con Jalletas e Choriso Criollo. Estes concertos serán a partir das 22.00 horas. 

O domingo 5 de abril haberá ademais tarde de baile social da man do Dúo En clave de ti. Será a partir das 19.00 horas na Sala Gervasio Sar.

Muxía Cultural

Muxía Cultural é un proxecto do Concello de Muxía e a cooperativa cultural Horta Creativa que naceu no 2025 co obxectivo de crear unha escena cultural forte en Muxía, poñendo en valor todo o que a vila e a comarca teñen que ofrecer, e organizando eventos que combinen a tradición, a gastronomía, a contorna e o patrimonio da zona. 

Tracking Pixel Contents