Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

AUDIOVISUAL

Os Premios Fouciño de Baio celebran a sexta edición reforzando a aposta polo cine en galego

Ata o 30 de xuño estará aberto prazo de presentación das curtametraxes

Obradoiro impartido por Alejandro Gándara no IES Maximino Romero, de Baio.

Obradoiro impartido por Alejandro Gándara no IES Maximino Romero, de Baio. / Cedida

Zas

Os Premios Fouciño, de Baio (Zas), encaran a súa sexta edición tras unha década de aposta polo cinema en galego. O prazo do concurso de curtametraxes está aberto do 1 de abril ao 30 de xuño

Este ano a categoría xeral acolle pezas de ata 15 minutos, e os galardóns serán de 1.000 euros. Ademais, haberá un premio de 500 € na categoría escolar e un premio do público de 150 € para cada modalidade.

Mozos e mozas de Baio

Xa pasaron dez anos desde que un grupo de mozos e mozas de Baio organizou os I Premios Fouciño, impulsados polo aniversario da que fora a primeira película feita na Costa da Morte: O fouciño sanguento. Desde aquela edición inicial, que naceu para loitar contra o illamento cultural da comarca e darlle un impulso ao cinema en galego desde a base, a evolución é manifesta.

Incluso a pesar dun parón de varios anos e un cambio de organización, hoxe o festival de cinema baiés estase a asentar coma un referente na provincia.

Curtas e concertos

O certame, que conta co apoio do Concello de Zas, celebrarase o sábado 24 de outubro en Baio. Os actos dese día céntranse na proxección das curtas finalistas e a entrega de premios, que estará acompañada dunha serie de concertos de artistas emerxentes.

Ademais, disto, durante os dous días previos haberá unha serie de actividades e proxeccións de obras destacadas do cinema galego recente. Este ano, estes pases estarán centrados no mundo galego da animación.

Obradoiros escolares

Para fomentar a participación dos centros escolares no certame, a organización dos Premios Fouciño xa comezou a impartir obradoiros de cinema en centros de ensino da Costa da Morte.

O primeiro celebrouse o pasado 21 de marzo no IES Eduardo Pondal de Ponteceso. O segundo foi o pasado venres no IES Maximimo Romero Lema de Baio, onde o alumnado tivo a oportunidade de ver en primicia o documental A Costa e os castelos, un exemplo do “cinema de proximidade” que intenta fomentar o festival.

Os centros interesados nestas charlas poden contactar coa organización no enderezo premiosfoucino@gmail.com para recibir máis información.

Tracking Pixel Contents