FEIRA
Tecendo arte e futuro con fíos no corazón da artesanía galega: a Mostra do Encaixe de Camariñas
Moda, gastronomía, música, literatura arroupan ata o domingo a palilleiras de sete países

Representantes do Estado, autonómicos, provinciais e municipais visitando os expositores da Mostra. / Cedida
Baixo o lema Onde o fío se converte en arte, a XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña abriu as súas portas esta tarde e, ata o domingo, día 5, situará á capital do Vilán como o punto onde late con máis forza o corazón da artesanía en Galicia.

Palilleiras na XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas / Cedida
A alcaldesa, Sandra Insua; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; a deputada provincial, Mónica Rodríguez; o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, foron os encargados de cortar a cinta de encaixe que, simbolicamente, dá o pistoletazo de saída á Mostra.

Unha palilleira amosando as súas habilidades cos bolillos. / Cedida
Sandra Insua subliñou que "vivimos tempos convulsos, rodeados dunha inestabilidade internacional que, aínda que pareza lonxana, aféctanos nas nosas vidas e no noso día a día. A escalada de tensión e a guerra contra Irán enchen os telexornais de dor e incerteza. Por iso, desde este humilde pero orgulloso recuncho do Atlántico, quero aproveitar este altofalante para exclamar un claro, rotundo e necesario: Non á guerra”, exclamou.
Sustento económico
Tamén fixo un recoñecemento á xente do mar, que está a sufrir "unha época de inmensas dificultades para o sector. Os nosos mariñeiros viviron a angustia de non poder saír cos seus barcos á mar durante longos meses. E as nosas mariscadoras atópanse nunha loita titánica, pelexando para que a nosa ría volva dar os seus froitos, mentres sofren a inxustiza de quedar fóra das axudas anunciadas. Desde aquí, vaia para todas e todos eles o noso recoñecemento e o noso apoio incondicional. Sei de boa man que o palillo foi, é e será un sustento económico imprescindible para estas familias".

Representantes do Estado, autonómicos, provinciais e municipais na inauguración da Mostra. / Cedida
"Porque o que fan as nosas palilleiras é arte, técnica e futuro. E ese futuro xa está dando grandes froitos a nivel industrial. Hoxe podo anunciarvos con inmensa satisfacción que o Concello leva un ano traballando, man a man coas nosas palilleiras, nunha gran colaboración cunha multinacional téxtil coñecida por todas e todos. Un fito que demostra que o encaixe de Camariñas é vangarda absoluta e un motor económico real. Pronto poderemos contar máis desta alianza que nos fai moi felices e que volve a situar a un produto tan artesán como o encaixe no mapa internacional", anunciou.
Tamén recoñeceu que "nada disto sería posible sen o apoio constante da Deputación da Coruña, á que agradecemos o seu compromiso e confianza na nosa cultura ano tras ano”.
Referente da moda internacional
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo como exemplo do impulso da tradición e economía en Galicia ás palilleiras de Camariñas. Salientou o crecemento internacional do certame, “admirado dentro e fóra das nosas fronteiras, chegando a escenarios tan esixentes como as grandes pasarelas da moda internacional”, e agradeceu a toda a cidadanía da Costa da Morte a súa implicación.
Fixo fincapé no "esforzo silencioso da cidadanía para mesturar tradición e talento, evidenciando que é posible avanzar sen perder as raíces". Do mesmo xeito, chamou ás novas xeracións a sumarse, "explorando novas vías e oportunidades arredor do encaixe, tanto no ámbito téxtil como noutros sectores como a decoración, pois o futuro desta tradición depende da capacidade colectiva para coidala e renovala, algo asegurado ao estar en tan boas mans".

Gabriel Alén, esquerda, Sandra Insua, Pedro Blanco e Encarna Liñeiro cortando a cinta inaugural. / D. G.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, destacou a Mostra do Encaixe como un "evento de referencia para a artesanía e para os oficios vinculados á moda, reflexo de que o encaixe é un oficio con fonda tradición e con grandes posibilidades de actualización e de reinterpretación no futuro".
Por outro lado, destacou o papel da Mostra como espazo de confluencia e xermolo de sinerxías entre diferentes disciplinas entre as que destaca a moda e outros oficios artesanais que incorporan o encaixe.
Apoio da Xunta e Deputación da Coruña
Como vén sendo habitual nos últimos anos, a Xunta apoia a organización da Mostra para que poida seguir a ser un punto de encontro para o sector artesán galego e para a moda galega, un escaparate da marca Artesanía de Galicia e un motor de dinamización económica e turística desta zona.
Pola súa parte, a deputada provincial Mónica Rodríguez, indicou que “a Mostra do Encaixe de Camariñas é o evento cultural de referencia en Galicia cada Semana Santa" e lembrou que "hai seis anos que quixemos unir o nome da Deputación ao evento, amosando o noso firme compromiso con este".
Avenida das Palilleiras
Por outra banda, o Concello de Camariñas vén de facer historia coa celebración dun pleno extraordinario no recinto feiral da Mostra do Encaixe para aprobar a modificación da denominación da actual Avenida Ambrosio Feijoo, que pasará a chamarse de xeito oficial Avenida das Palilleiras.

Pleno extraordinario para nomear a Avenida das Palilleiras. / Cedida
O goberno local promoveu este cambio en cumprimento da normativa vixente en materia de memoria democrática, co fin de "adecuar o rueiro municipal aos principios de respecto, convivencia e recoñecemento dos valores democráticos". Con todo, a medida transcende o trámite administrativo para converterse na "expresión dun recoñecemento institucional e colectivo a todas as mulleres que, co seu traballo silencioso, constante e cheo de mestría, foron e son o corazón da identidade de Camariñas".
A alcaldesa, Sandra Insua, dirixiuse directamente ás palilleiras presentes para poñer en valor a inmensidade do seu legado: "durante séculos, o voso traballo foi silencioso, moitas veces invisible e case sempre feito de portas para dentro, á luz dunha candea ou á beira da xanela. Pero con eses palillos, con eses piques e con ese fío, non só axudastes a sacar adiante ás vosas familias nos tempos máis duros, a levantar Camariñas. Vós puxestes o noso nome no mapa do mundo".
Programación da Mostra
Durante cinco días, as firmas da categoría de Grandes Deseñadores, subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe: Ana Cabranes, Claudina Mata, Devota&Lomba, Innamoretto, José Perea, Andion Clothing, Dolores Cortés, El Pulpo, José Matteos, ôse Couture, Xoaquín Ruíz e Ondas do Mar.
O desfile de ‘ArtEncaixe’, que sigue afianzándose na programación, estrearase o xoves. Os artesáns chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais. Así o amosarán Estilo Aramar, Mariví Santos, O Rulo, Risco Estudio, Encaixa_T, Mascarada O Cansorriño, Ana Trasariz, Alfarería La Cacharrera, Lola Logaro, Tendataller Feituras – María Canedo, Zeltia ao Aire, Ene de Toba.
Tamén debutarán as persoas participantes no XXXII Concurso de Noveis Deseñadores, no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios. Competirán 34 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. O venres 3 ás 20.40 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 5, a partir das 16.30, horas darase a coñecer o fallo do xurado.
Costura en directo
Unha das novidades desta edición será o espectáculo de costura en directo co deseñador andaluz José Perea. Poderá verse o xoves, 2 de abril, a partir das 12:45 horas no bloque de desfiles da mañá.
Despois, ás 18.00 horas, terá lugar o primeiro desfile das Delegacións de encaixeiras internacionais. Repetirán o venres ás 16445 horas e o sábado 4 ás 18.00 horas. Participan palilleiras de Arxentina (Cordoba e Buenos Aires), Bulgaria (Sofía), Eslovaquia (Krakovany), España (Arenis del Mar), Italia (Novedrate), Polonia (Bobowa) e Portugal (Peniche e Serra D’El Rei).
Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do Pequeencaixe. As nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. O mesmo ocorre no desfile de Encaixeiras Senior de Camariñas, que terá lugar o domingo 20 ás 19.00 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.
Actuacións, literatura e gastronomía
Este ano os asistentes poderán gozar da música de Luar na Lubre; do concerto de Sebastián Allones Dans, de Camelle, gañador do concurso de talentos Da rúa á lúa do programa da TVG Quen anda aí (o sábado 4 ás 12:30 horas); e da actuación de Fíos de Salitre de Mascarada O Cansorriño (domingo 5 ás 19 horas). O concerto de clausura da Mostra (domingo 5 ás 19.30 horas) correrá a cargo de Antía Muíño.
O humor tamén estará moi presente, da man de Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola e o seu monólogo Sen Restricións. A compañía teatral Aantena presentará Fíos da Memoria e o grupo de Camelle o monólogo Mortos de risa.
A variada oferta de actividades completarase con actuacións folclóricas, presentacións literarias e degustacións gastronómicas.
- Renfe suspende nueve trenes en Santiago este lunes por falta de maquinistas
- La Xunta anuncia una nueva oferta de empleo público con más de 800 plazas de libre acceso
- El retraso del cuartel de As Cancelas se agrava cuatro meses después del primer incumplimiento
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Luz verde al nuevo barrio de Mallou: la Xunta impulsa el suelo para 3.600 viviendas en el norte de Santiago
- Los vuelos 'vip' que traen material oncológico de Barcelona a Santiago y vuelven con pasajeros por 200 euros
- Las entradas de O Son do Camiño no vuelan tan rápido como hace un año