Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ARTESANÍA

Moda en estado puro: o encaixe enche a pasarela de Camariñas

O deseñador andaluz José Perea sorprende creando un vestido en directo en só 20 minutos

Deseños de moda con encaixes de Camariñas na pasarela da Mostra.

Deseños de moda con encaixes de Camariñas na pasarela da Mostra. / Cedida

Camariñas

Os desfiles de moda da pasarela da Mostra do Encaixe de Camariñas reafírmanse, xunto co labor das palilleiras, como o gran reclamo da feria das puntillas. Centos de persoas gozaron xa dos innovadores deseños con puntillas creados para a ocasión por doce Grandes Deseñadores.

Un dos desfiles de moda na pasarela de Camariñas.

Un dos desfiles de moda na pasarela de Camariñas. / Cedida

Ana Cabranes, Claudina Mata, Devota&Lomba, Innamoretto, José Perea, Andion Clothing, Dolores Cortés, El Pulpo, José Matteos, ôse Couture, Xoaquín Ruíz e Ondas do Mar arrancaron sonoros aplausos nos primeiros desfiles, que continuarán toda a fin de semana.

Ademais de amosar as súas creacións, este xoves, o deseñador andaluz José Perea, que tamén participa no desfile de Grandes Deseñadores, levou a cabo unha das súas mediáticas demostracións de costura en directo.

José Perea e unha modelo lucindo o vestido que creou en directo na pasarela de Camariñas.

José Perea e unha modelo lucindo o vestido que creou en directo na pasarela. / Cedida

En só 20 minutos, mentres o público presente interactuaba con el, José Perea creou desde cero un vestido que logo desfilou co resto de creacións da colección cápsula que presenta no seu primeiro ano na pasarela camariñana. 

O pases dos grandes deseñadores compleméntase cada día cos desfiles de ArtEncaixe, nos que creadores como Estilo Aramar, Mariví Santos, O Rulo, Risco Estudio, Encaixa_T, Mascarada O Cansorriño, Ana Trasariz, Alfarería La Cacharrera, Lola Logaro, Tendataller Feituras - María Caneod, Zeltia ao Aire e Ene de Toba amosan a versatilidade do encaixe, que se complementa á perfección con outros materiais e produtos artesanais.

Un dos desfiles de Pequencaixe na Mostra de Camariñas.

Un dos desfiles de Pequencaixe na Mostra de Camariñas. / Cedida

Á pasarela subiron este xoves tamén as encaixeiras internacionais que participan na Mostra do Encaixe, chegadas de Arxentina, Bulgaria, Eslovaquia, Italia, Polonia e Portugal, e que comparten protagonismo coas palilleiras galegas e catalanas.

Modelo desfilando na pasarela do ArtEncaixe.

Modelo desfilando na pasarela do ArtEncaixe. / Cedida

Un ano máis, os aplausos resoaron con forza cando desfilaron no Pequencaixe as nenas e nenos das escolas municipais de palillo, que amosaron as coleccións con encaixes que crearon durante todo o curso. O domingo, o protagonismo será para a Encaixeiras Sénior de Camariñas, que protagonizarán o acto de clausura, ás 19.00 horas.

Dobre presentación literaria

A segunda xornada da Mostra do Encaixe acolleu tamén as dúas primeiras presentacións literarias a cargo de Nerea Pallares, coa súa obra Punto de Araña, galardoada co Premio García Barros, e Anxo Mouzo, con A Princesa Dourada.

A obra de Nerea Pallares mergulla ao lector nun relato mariñeiro e coral ambientado na Costa da Morte, tecido coas voces de tres xeracións de mulleres. É ademais unha verdadeira homenaxe ás mans que traballan en silencio e que tecen as redes invisibles que nos sosteñen.

A alcaldesa, segunda dereita, con concelleiras e concelleiros e Nerea Pallares, quinta pola dereita.

A alcaldesa, segunda dereita, con concelleiras e concelleiros e Nerea Pallares, quinta. / Cedida

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que desde o Concello "sentimos moito orgullo de ver reflectida nesta obra a esencia da nosa xente e o espírito das nosas mulleres, algo que conecta profundamente co labor incansable das nosas propias palilleiras".

Presentación do libro 'A Princesa Dourada' de Anxo Mouzo.

Presentación do libro 'A Princesa Dourada' de Anxo Mouzo. / Cedida

Pola súa banda, A Princesa Dourada, é a primeira novela do veciño de Camelle, Anxo Mouzo Moreira. Trátase dunha obra de fantasía xuvenil que mestura maxistralmente a maxia e a épica coa vida cotiá da Costa da Morte. Nesta historia Xosé e Marica amosan que as grandes aventuras e os reinos fantásticos tamén poden nacer das nosas rúas e da nosa xente.

"Sentimos un orgullo inmenso ao ver como as novas xeracións levan o nome da nosa terra á literatura e demostran a súa capacidade para crear mundos imaxinarios sen perder a raíz da súa terra natal. É un verdadeiro luxo apoiar e dar voz a creadores coma el", indicou a rexedora camariñana.

Próximas presentacións

A programación literaria continuará o venres 3 de abril ás 12.00 horas coa presentación de Ángeles acusadores a cargo do seu autor, Diego Garrote.

O sábado, día 4, haberá dúas novas citas. Ás 11.40 horas, Alfonso de Sas presentará 1898 – El padre ausente, a última parte da triloxía de El Cementerio de los Ingleses. E ás 12.00 horas, presentarase A Costa da Morte, naturalmente única de Xan Fernández Carrera e Antonio Fernández, un acto que correrá a cargo de Pepe Formoso.

Tracking Pixel Contents