Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Novos topónimos en Ames: As Mimosas ou O Bosque Animado incorpóranse ao Nomenclátor de Galicia

Millalar, O Agro do Muíño e Os Batáns entran tamén no catálogo oficial, que cambia Ameixenda por A Ameixenda ou A Agrela por A Grela

O novo Nomenclátor introduce cambios na toponimia de Ames

O novo Nomenclátor introduce cambios na toponimia de Ames / Cedida

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Ames

O Concello de Ames conta con cinco novos topónimos incorporados ao Nomenclátor de Galicia, tras a actualización aprobada o pasado luns polo Consello da Xunta. Trátase de cinco lugares que agora ven a súa denominación incluída no catálogo que recolle a toponimia oficial da comunidade: Millalar e As Mimosas, na parroquia de Biduído; O Bosque Animado, en Covas, e O Agro do Muíño e Os Batáns, en Ortoño.

O novo Nomenclátor tamén modifica a denominación dunha parroquia, dúas advocacións e nove lugares.

Así, oficialízase o nome de A Ameixenda tanto para a parroquia como para o lugar, a substitución de A Agrela por A Grela en Biduído, o cambio de As Buceleiras a Buceleiras en Bugallido, ou a diferenciación entre O Instrumento de Abaixo (parroquia de Bugallido) e O Instrumento de Arriba (parroquia de Ortoño) en lugar da forma xenérica anterior.

Tamén pasan a denominarse oficialmente As Casas do Monte, A Rúa e Sanamede, forma esta última que substitúe a San Mamede na parroquia de Piñeiro.

No ámbito relixioso, a advocación de Santa María na Ameixenda pasa a ser Santa Mariña, mentres que San Mamede queda fixado como Sanamede en Piñeiro.

Case 4.400 topónimos analizados

Como lembran dende o Concello de Ames, estes cambios chegan despois do “exhaustivo traballo” desenvolvido polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega para revisar e actualizar o Nomenclátor de Galicia, elaborado no ano 2003. A revisión permitiu estudar 4.398 topónimos e concluíu coa modificación dos nomes oficiais de 2.335 lugares, 182 parroquias e 14 concellos en toda Galicia.

A análise da Comisión de Toponimia tamén serviu para incorporar 1.655 novos nomes con respecto ao documento anterior, ata acadar un total de 42.909 rexistros.

Os criterios empregados para introducir estes cambios baseáronse na etimoloxía, na documentación histórica, na tradición gráfica consolidada nos dous últimos séculos e tamén no uso oral e escrito que a propia veciñanza fai dos nomes. Ademais, tivéronse en conta as formas dialectais de cada lugar e corrixíronse erros detectados, especialmente no relativo ao emprego dos artigos.

Tracking Pixel Contents