Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

72 exemplares e 13 ganderías

A Feira Cabalar de Pascua de Padrón marca récord: numeroso público e participantes de Castela e León, Asturias e Portugal

Repartíronse 3.000 euros en premios e a xornada rematou cun espectáculo de doma con cabalos de pura raza galega e pura raza española

Os ponis foron un dos atractivos na Festa Cabalar de Padrón.

Os ponis foron un dos atractivos na Festa Cabalar de Padrón. / ANA CONDE

Redacción

Padrón

Ganderías de toda Galicia, Castela e León, Asturias e Portugal xunto a numeroso público gozaron da Feira Cabalar de Pascua en Padrón, que marcou récord de participación.

O Campo da Barca acolleu a numerosos afeccionados ao mundo do cabalo, que non quixeron perderse nin a centenaria Feira Cabalar nin os concursos morfolóxicos, nos que participaron 72 exemplares de 13 ganderías das catro provincias galegas. Repartíronse 3.000 euros en premios e a xornada rematou cun espectáculo de doma con cabalos de pura raza galega e pura raza española.

Feira Cabalar na Pascua de Padrón.

Feira Cabalar na Pascua de Padrón. / ANA CONDE

Puntuable para a Copa Galicia, o certame de cabalos e eguas de pura raza galega rexistrou a maior participación, cun total de 14 equinos. Gali de Oza e Dana, ambos exemplares de Lino Freire e chegados dende Oza Cesuras, erixíronse como gañadores deste certame.

Os concursos, organizados pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, continuaron co certame de cabalos e eguas cruzados. Unhas das probas máis aplaudidas polo público foi a de ponis, presentados por nenos e nenas, un deles de só tres anos chegado de Moraña, alentando o relevo xeracional e o futuro da Feira Cabalar.

Nenos e maiores gozaron dunha animada xornada festiva en Padrón.

Nenos e maiores gozaron dunha animada xornada festiva en Padrón. / ANA CONDE

Este ano consolidouse o certame de percheróns, bretóns e hispano-bretóns, os cabalos e eguas que se caracterizan polo seu gran tamaño e que se dedicaban habitualmente ao traballo nas explotacións agrogandeiras.

As categorías de cabalos e eguas de pura raza árabe pecharon as citas competitivas. Repartiron os premios o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Festexos, Chus Campos.

Xigantes e cabezudos percorreron as rúas de Padrón.

Xigantes e cabezudos percorreron as rúas de Padrón. / JUAN MARTINEZ

O presidente da organizadora, Jacobo Pérez, valorou "moi positivamente a aposta do Concello de Padrón para potenciar a feira cabalar, un traballo extraordinario e ilusionante que garante unha continuidade en crecemento". Lembrou que o Concello aportou os tres mil euros que se repartiron en premios.

O broche de ouro desta Feira Cabalar foi unha exhibición de doma no que participaron primeiro cabalos da sección de doma de alta escola galega Dragóns de Santiago, pertencente á asociación organizadora. Pechou a exhibición o espectáculo El hechizo de la Rosa, a cargo da compañía La Magia del Caballo de León, subcampioa do mundo no Sicab 2025.

Grande ambiente o domingo de Pascua

Ademais da Feira Cabalar, Padrón recibiu este domingo de Pascua a milleiros de persoas durante toda a xornada. Xa pola mañá, as atraccións do Campo do Souto e o mercadillo dominical estaban ateigadas. Ao mediodía animouse aínda máis o ambiente co pasarrúas da Banda Municipal de Música, que ofreceu despois o seu tradicional concerto na praza de Macías.

As rúas da vila enchéronse de xente para gozar do Domingo de Pascua.

As rúas da vila enchéronse de xente para gozar do Domingo de Pascua. / JUAN MARTINEZ

Os Xigantes e Cabezudos percorreron as rúas acompañados polo grupo Arreixeira, sorprenderon aos visitantes, que se animaron a bailar durante o percorrido. Quen tamén sacou a xente a bailar foi a Mekanika Rolling Band co seu desenfadado espectáculo polas rúas do casco histórico

Pola noite chegarán algúns dos pratos fortes da Pascua: o concerto do muradán 9Louro na praza de Macías, a Orquestra Panorama, en Fondo de Vila, e DJ Matrek Show no paseo do Espolón.

Tracking Pixel Contents