Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PAISAXE PROTEXIDA

O BNG cualifica de "burla" o plan de xestión dos Penedos de Pasarela e Traba

Ve insuficiente o investimento e critica a actitude "submisa" dos concellos de Vimianzo e Laxe

O presidente da Xunta visitou os Penedos en novembro de 2024.

O presidente da Xunta visitou os Penedos en novembro de 2024. / Cedida

Vimianzo

As agrupacións locais do BNG de Vimianzo e Laxe expresan a súa máis "absoluta indignación" co plan de xestión dos Penedos de Pasarela e Traba presentado pola Xunta, así como pola "actitude submisa e totalmente acrítica dos gobernos municipais de ambos concellos".

Ccualifican de "auténtica burla a inversión de apenas 40.000 euros para os primeiros cinco anos nas actuacións consideradas de prioridade alta no propio plan".

Denuncian que as tres intervencións previstas: limpeza do camiño Pasarela-Traba, instalación de elementos de seguridade na Torre da Moa, e habilitación dun terreo para aparcadoiro no Brañal, "son medidas básicas insuficientes e claramente afastadas das necesidades reais dun espazo natural que leva anos reclamando actuacións de calado".

Cristina Vázquez del Prisco e Benxamín Queiro, voceiros do BNG en Laxe e Vimianzo.

Cristina Vázquez del Prisco e Benxamín Queiro, voceiros do BNG en Laxe e Vimianzo. / Cedida

Desde o BNG lembran que hai pouco máis dun ano o presidente da Xunta desprazouse aos Penedos "e anunciou a bombo e prato un plan acompañado dunha suposta inversión de 600.000 euros. A día de hoxe, a realidade é ben distinta: se só se destinan 40.000 euros ás actuacións prioritarias durante cinco anos, a pregunta é evidente: onde están os 560.000 euros restantes e cando pensan executalos?", cuestionan.

'A Gadoupa', unha das singulares rochas dos Penedos de Pasarela e Traba.

'A Gadoupa', unha das singulares rochas dos Penedos de Pasarela e Traba. / Cedida

O BNG de Laxe e de Vimianzo esixen a "posta en marcha inmediata de medidas que levan anos enriba da mesa". Neste sentido, lembran as propostas elaboradas polo colectivo Semescom e recollidas no propio plan, como os acordos con propietarios para a limpeza e plantación de especies autóctonas, o mantemento periódico dos accesos ás formacións pétreas, a mellora da accesibilidade en puntos críticos -especialmente pensando na xente maior-, así como unha aposta decidida pola sinalización, a divulgación, creación de centros de interpretación ou infraestruturas de acollida.

Papel dos gobernos municipais

Finalmente, o BNG "lamenta profundamente o papel irrelevante e conformista dos gobernos municipais de Vimianzo e Laxe", aos que acusa de actuar como meros espectadores. "É inadmisible que os representantes públicos renuncien a defender un dos principais valores naturais do territorio, agochándose detrás da Xunta para xustificar a súa inacción. Nin presionan, nin propoñen medidas máis alá de meras reunións veciñais que cualifican como propagandísticas".

Para os nacionalistas, esta situación evidencia "un total desinterese polo futuro dos Penedos", e reclaman un "cambio de actitude inmediato" para garantir a súa protección, posta en valor e dinamización real.

Tracking Pixel Contents