Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

A Xunta inviste 3,5 M€ para renovar o firme de oito estradas na Costa da Morte

Autorizou a construción de dúas novas sendas peonís en Laxe

O alcalde de Laxe e a delegada da Xunta, no centro,supervisando os planos das sendas.

O alcalde de Laxe e a delegada da Xunta, no centro,supervisando os planos das sendas. / X. G.

Vimianzo

O Consello da Xunta autorizou a contratación das obras de renovación do firme en oito estradas autonómicas, no seu percorrido por 10 concellos da Costa da Morte, por un investimento que roldará os 3,5 M€.

Trátase de levar a cabo unha renovación do firme para o mantemento e conservación en distintos treitos da vía de altas prestacións VG.-1.4 (Cee-Sardiñeiro), así como nas estradas AC-404 (Santa Comba-Baio), AC-429 (Ponteceso-Laxe), AC-440 (BerdoiasMuxía), AC-444 (Negreira-Ponte Failde), AC-546 (Negreira- A Pereira), AC-550 (Cee-Ribeira) e a AC-552 (A Coruña-Cee).

Dez concellos

As intervencións proxectadas nestas vías coinciden cos seus percorridos polos municipios da Baña, Cabana de Bergantiños, Cee, Fisterra, Laxe, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo e Zas.

O obxectivo é mellorar as características funcionais das estradas e reforzar a seguridade viaria en distintos treitos desta vías, para o que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitará as actuacións nas vindeiras semanas.

Rehabilitación superficial

Os traballos consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con distintas actuacións, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade. En conxunto, a través destas intervencións actuarase en preto de 65 quilómetros de lonxitude.

Por outra banda, a Xunta deu o seu visto e prace ao proxecto de construción e licitación das obras das novas sendas peonís na estrada AC-433, no concello de Laxe. O Goberno galego destinará un investimento total que superará os 1,1 M€ ((1.102.524,85 €).

Case dous quilómetros de sendas

A primeira senda partirá do núcleo de Castrelo uníndose coa xa executada en Serantes, e a segunda enlazará este núcleo co de Laxe. Estes novos itinerarios, que se desenvolverán pola marxe dereita da estrada autonómica AC-433, acadarán unha lonxitude total de preto de 2 quilómetros (1.903 metros).

Con estas actuacións o Goberno galego dá continuidade aos itinerarios xa executados na AC-433 en Soesto e Serantes, conformando así un itinerario continuo e seguro para os peóns. Prevese que este proxecto sexa cofinanciado con fondos europeos Feder 21/27.

TEMAS

Tracking Pixel Contents