Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A LARACHA

Caión terá un centro sociocultural máis eficiente e sostible

O Concello valora as melloras necesarias en 171.400 euros

Centro Sociocultural da Insua, en Caión.

Centro Sociocultural da Insua, en Caión. / Cedida

A Laracha

O Concello da Laracha ten en licitación o proxecto de mellora da eficiencia enerxética do Centro Sociocultural da Insua de Caión. A intervención, valorada en 171.400 euros, conta para o seu cofinanciamento co apoio da Xunta de Galicia.

O edificio alberga actualmente dous espazos diferenciados: o centro médico e as dependencias destinadas ao tecido asociativo da localidade, que son empregadas por diferentes colectivos de Caión.

Renovación integral

O proxecto ten como finalidade mellorar o comportamento enerxético do inmoble e incrementar o confort térmico no seu interior. Para iso, actuarase de maneira integral sobre a envolvente do edificio, que na actualidade presenta importantes deficiencias de illamento que provocan perdas de calor e un alto consumo enerxético, especialmente durante os meses de inverno.

Entre as actuacións previstas destaca a instalación dun sistema de illamento térmico exterior (SATE) nas fachadas, o que permitirá reducir de forma significativa a transmisión térmica. Ademais, reforzarase o illamento da cuberta con materiais de alta densidade, contribuíndo a manter unha temperatura interior máis estable ao longo de todo o ano.

Bomba de calor

Tamén será substituído o actual sistema de calefacción baseado en radiadores eléctricos por un de aerotermia con bomba de calor, máis eficiente e respectuoso co medio ambiente, que permitirá tanto a calefacción como a refrixeración dos espazos.

Complementariamente, instalaranse radiadores de auga con válvulas termostáticas que facilitarán a regulación individualizada da temperatura en cada estancia.

Estas melloras permitirán unha redución moi significativa da demanda enerxética do edificio, cun impacto directo tanto na diminución do consumo como na mellora das condicións de uso para as persoas usuarias.

"En termos globais, suporá un salto cualitativo na eficiencia e sustentabilidade dun equipamento fundamental para a vida social, sanitaria e comunitaria de Caión", subliñan dende o goberno local.

O prazo de presentación de ofertas para as empresas que desexen optar á adxudicación permanecerá aberto ata o 16 de abril.

Tracking Pixel Contents