Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

BALANCE

A porta romana da Costa da Morte atrae en Semana Santa turistas de tres continentes

A oficina da Fundación Brandomil ofreceu información a uns 300 visitantes

Visitantes na oficina cultural e turística de Brandomil, en Zas.

Visitantes na oficina cultural e turística de Brandomil, en Zas. / Cedida

Zas

A oficina de información cultural e turística Brandomil. Porta romana da Costa da Morte, de Zas, promovida pola Fundación Brandomil, acolleu esta Semana Santa uns 300 visitantes.

Oficina cultural e turística 'Brandomil. Porta romana da Costa da Morte'.

Oficina cultural e turística 'Brandomil. Porta romana da Costa da Morte'. / Cedida

Chegaron de diferentes puntos de Galicia, coma Ourense, Fene, Vigo ou Baiona, pero tamén doutros puntos de España: Bilbao, Madrid, Murcia ou Salamanca, entre outros. Por Brandomil pasaron tamén turistas procedentes de Alemaña, Países Baixos, Arxentina, Estados Unidos, Venezuela e mesmo de Australia.

Escasa planificación

"Unha das cousas que máis sorprende destes visitantes é que viaxan cara a Costa da Morte con pouca planificación", afirma Enrique Eduardo Iglesias, secretario xeral e do Padroado da Fundación Brandomil.

A meirande parte deles, engade, "buscan visitar destinos clave como Fisterra ou o Ézaro e gozar da paisaxe marítima, pero a súa sorpresa é máxima cando se lles indica as ofertas turísticas e patrimoniais que poden atopar en toda a zona, dende rutas de sendeirismo, como os Penedos de Pasarela e Traba entre Vimianzo e Laxe, ata festas gastronómicas como foi o caso da Festa do Congro en Muxía".

Amplia oferta patrimonial

A iso hai que engadir unha amplísima oferta patrimonial que "abraia a calquera", subliña Iglesias Seoane, e que ten como punto de partida "o xacemento romano de Brandomil para logo viaxar no tempo no Dolmen de Dombate, en Cabana, e polos nosos hórreos, como é o caso do de Carnota, o cal sempre impacta aos viaxeiros máis internacionais".

Un dos recursos que máis interese xerou nesta ocasión, engade, foi o da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas. "Moitos dos visitantes que pararon na oficina non coñecían esta celebración e sinalaron o interese por acudir a coñecela, do mesmo xeito así sucedeu cos actos litúrxicos e procesionais vinculados a Semana Santa de Fisterra".

Contacto cos concellos

Dende a oficina de información cultural e turística de Brandomil "procúrase manter un contacto directo con cada un dos concellos que conforman a Costa da Morte para poder achegar a oferta turística e patrimonial máis actualizada que permita consolidarnos como un referente turístico a nivel nacional", conclúe Enrique Iglesias.

Tracking Pixel Contents