Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Modo Galego, Actívao! celebra o pulo de máis do 90% da comunidade educativa á lingua en Ames

Péchase o vindeiro día 17 en Bertamiráns coas Maianas, Gramola Gominola e Uxía Lambona e a Banda Molona

Foron preto de 2.600 alumnos, ademais das súas familias, e 300 docentes e persoal os que tomaron parte activamente

Paco Cerdeira, pola esquerda, con Inés Suárez, Blas García, Valentín García, María López e Rosa Moreiras na presentación

Paco Cerdeira, pola esquerda, con Inés Suárez, Blas García, Valentín García, María López e Rosa Moreiras na presentación / Concello

Ames

Valentín García, secretario xeral da Lingua, celebrou, a carón do alcalde, e edil de Cultura de Ames, Blas García, a “implicación da comunidade escolar e familias en iniciativas que fomentan o maior emprego do galego nos espazos de socialización dos centros educativos”. Fíxoo na presentación do festival de clausura da cuarta edición do programa de dinamización lingüística Modo Galego, Actívao!, no que participaron máis de 3.000 membros da comunidade educativa e chegará o 17 de abril ata a explanada pavillón municipal de Bertamiráns.

Pola súa banda, o rexedor indicaba que "con festivais coma este damos un paso importante na normalización do idioma, xa que o obxectivo que temos todos é o mesmo: que o galego perdure. Como sempre digo, o galego non é patrimonio de ninguén en concreto, é patrimonio de todos e de todas. Agardo que este festival sexa unha actividade que vaia medrando". Pola súa banda, María López Sández, coordinadora do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, subliñou que “Ames é o corazón, é o comezo do éxito deste programa. Traballarmos pola lingua é algo que nos implica a todos, non só no horario escolar. Os nenos e nenas atópanse nos parques e teñen a idea do modo galego. Todos os pais e nais galegofalantes experimentamos o que o mapa sociolingüístico amosa: un proceso de perda ou dificultade de mantemento do idioma no eido escolar. Debemos traballar colectiva e conxuntamente".

Tamén estiveron presentes a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, referíndose a que "máis do 90% da comunidade educativa participou nesta edición do Modo Galego de maneira activa", ademais dos integrantes das Maianas, Inés Suárez, e de Gramola Gominola, Paco Cerdeira.

Grupos

A cuarta edición de Modo Galego, Actívao!rematará, deste xeito, con actuacións musicais en galego para todos os públicos que terán lugar, entre as 17.00 e as 21.00 horas, coa actuación do grupo de música tradicional As Mainas, creador da banda sonora deste programa, e dúas das bandas máis recoñecibles do panorama da música infantil en galego, como son Gramola Gominala e Uxía Lambona e a Banda Molona

Ao fío, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que nesta proposta, que desenvolven a Real Academia Galega e o Concello de Ames, participaron máis de 2.600 alumnos coas súas correspondentes familias, así como case 300 docentes e persoal de administración e servizos. Todos eles pertencentes aos centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria de Ames, as dúas escolas infantís municipais, os servizos complementarios de educación municipais e as escolas deportivas municipais.

Éxito de participación

De tal xeito, Valentín García considerou que o “éxito de participación” nestas iniciativas demostra “un interese cada vez maior pola nosa lingua e polo seu emprego desde as idades máis temperás e en todos os eidos”. Consecuentemente, asegurou que se corresponde tamén “cun maior prestixio do noso idioma e da nosa cultura”.

Outras propostas

Cómpre destacar que este programa únese a outras propostas enfocadas nos máis pequenos e impulsadas a través do paquete de medidas da Xunta, que tamén teñen como escenario os centros escolares, como o 21 días co galego e +, o Falamos + e as distintas iniciativas como os contidos audiovisuais a través da plataforma Xabarín.gal. A isto súmanselle grupos de conversa para a mocidade ou cursos específicos para persoas non nacidas en Galicia.

Tracking Pixel Contents