Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carballo reivindica na rúa o labor silencioso de catorce entidades sociais

Unha mostra rende homenaxe a AECC, Afaber, Alcer, APEM, Aspaber, Cáritas, Cruz Vermella, Fundación Érguete-Integración, Íntegro, Lenda Educativa, O legado de Maxe, Senegaleses de Carballo, Un paso máis e Vieiro

Autoridades municipais e representantes dos 14 colectivos homenaxeados coa exposición.

Autoridades municipais e representantes dos 14 colectivos homenaxeados coa exposición. / Cedida

Carballo

Renderlles homenaxe e dar a coñecer a pegada profunda que as entidades sociais deixan no día a día da nosa contorna é o obxectivo da exposición inaugurada este xoves na praza consistorial de Carballo, no marco do II Feirón en rede–Carballo solidario, que estaba previsto para este domingo 12 pero que, á vista das previsións meteorolóxicas adversas, queda en suspenso á espera de fixar nova data.

A exposición formula unha pregunta clave para a reflexión cidadá: que pasaría se non existisen as entidades sociais?

A través dunha serie de paneis informativos, os visitantes poden descubrir o labor vital que realizan asociacións creadas no concello ou que desenvolven nel a súa actividade.

O acto de inauguración contou coa presenza do alcalde, Daniel Pérez, así como de varios concelleiros e concelleiras da Corporación municipal, e representantes das 14 entidades participantes no proxecto: AECC, Afaber, Alcer, APEM, Aspaber, Cáritas, Cruz Vermella, Fundación Érguete-Integración, Íntegro, Lenda Educativa, O legado de Maxe, Senegaleses de Carballo, Un paso máis e Vieiro.

Os representantes municipais destacaron a importancia de traballar en rede e de apoiar o labor destas organizacións, que actúan como piar fundamental para dar resposta a necesidades sociais que, doutro xeito, quedarían sen cubrir.

“Detrás de cada entidade hai persoas que coidan, acompañan e transforman vidas; esta mostra é un recoñecemento a ese labor silencioso pero fundamental”, manifestou o alcalde.

A exposición pretende sensibilizar a cidadanía sobre a relevancia deste traballo colectivo e fomentar o compromiso social.

Nos diferentes paneis visibilízase o impacto que as entidades sociais, educativas, sanitarias ou de inclusión teñen no día a día da veciñanza, especialmente entre os colectivos máis vulnerables. Unha mostra, en definitiva, que pon en valor o traballo fundamental do tecido asociativo na construción dunha sociedade máis xusta e cohesionada.

A exposición poderá visitarse durante as próximas semanas.

Tracking Pixel Contents